A sesión terá lugar o xoves 1 de marzo no paraninfo da reitoría da Universidade de Vigo a partir das 12 do mediodía. Tras as palabras de benvida do reitor, Salustiano Mato, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o programa abordará distintas olladas ás cantigas de amigo e por Martín Codax, que viviu entre a segunda metade do século XIII e comezos do século XIV probablemente na contorna da ría de Vigo, á que fai numerosas referencias nas súas composicións. As persoas encargadas de profundar na obra deste autor e o seu contexto será a catedrática emérita da UVIGO Camiño Noia e os académicos Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero.
Camiño Noia intervirá cun relatorio titulado Cantigas de amigo, cancións de muller, Henrique Monteagudo achegará Ao son das ondas e Xesús Alonso Montero, O macrotexto das sete cantigas de Martín Codax: unha noveliña dramática de amor. Poralle o ramo ao acto o músico Roi Casal, que interpretará algunha das composicións do trobador homenaxeado.
A exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas pode verse desde o pasado 10 de outubro no Museo do Mar de Vigo. A mostra, promovida pola UVIGO e a Consellería de Cultura, permite admirar o manuscrito acompañado doutras pezas medievais e contemporáneas para profundar na vida cotiá, a sociedade e a estrutura de poder da época das cantigas, ou nas paisaxes que puideron servir de inspiración ao trobador. A proposta complétase con actividades tanto para público infantil como para o xeral.