O Arquivo da Real Academia Galega, fundado en 1906, xunta máis de 150 fondos documentais que abranguen desde o século XI ata os nosos días. O seu amplo legado faise imprescindible para calquera persoa que investigue a historia e a cultura galega pola relevancia e a variedade dos documentos que atesoura: correspondencia de persoeiros históricos, manuscritos literarios, fotografías, debuxos, postais, revistas e periódicos... Pero calquera persoa custodia tamén, aínda sen decatarse, un arquivo persoal ou familiar que pode ter valor histórico. Certificados de estudo e títulos académicos e profesionais, diarios, memorias, axendas, pasaportes, cartas, invitacións, recordatorios ou fotografías son só algúns exemplos dos fondos herdados dos nosos devanceiros que axudan a entendermos mellor o noso pasado colectivo.
O vindeiro día 9 de xuño será o Día Internacional dos Arquivos e a Real Academia Galega quere celebralo precisamente poñendo en valor a importancia dos arquivos persoais. Do 6 ao 10 de xuño, as persoas que desexen compartir as lembranzas e a historia que gardan os documentos antigos que conservan nas súas casas poderán traelos a RAG (na rúa Tabernas, 11 da Coruña) para a súa dixitalización gratuíta. Serán atentidas polo persoal do Arquivo da institución de luns a xoves de 9 a 14:45 horas e de 16:30 a 19:45 horas, e o venres de 9 a 14:45 horas. Posteriormente, a RAG amosará estes anacos do pasado na súa web, academia.gal.
O Arquivo da Real Academia Galega custodia ao redor de cen arquivos persoais, producidos por diferentes persoas e familias. Entre eles figuran os de Manuel Murguía, Eduardo Pondal ou Andrés Martínez Salazar, entre outras figuras da historia cultural galega. Destaca tamén o de Emilia Pardo Bazán, que contén tanto os seus manuscritos literarios como unha sección patrimonial de grande interese. A RAG conta igualmente con arquivos de institucións, empresas ou asociacións, así como coleccións recibidas, mercadas ou producidas pola propia institución.