
Nacionalismo gallego. Nuestra 'afirmación regional', presentado na cuberta como "apuntes para un libro", recolle as ideas e argumentos, e mesmo parágrafos literais, dos artigos que Antón Villar Ponte publicara en La Voz de Galicia a prol do idioma e da reorganización do galeguismo. Dous meses despois de que este folleto saíse do prelo, nacía a primeira das Irmandades da Fala, a da Coruña, nunha xuntanza que arrincou cunhas palabras do xornalista.
Foi Ramón Villar Ponte quen tivo a idea de crear unhas Irmandades da Fala, segundo explicaba o seu irmán Antón nun artigo publicado n'A Nosa Terra co gallo do segundo aniversario da fundación do movemento. Porén, o seu irmán Ramón negouno décadas despois no seu discurso de ingreso na RAG (1951), no que definía a Antón como "pai feliz da idea".
As Irmandades da Fala promoveron o uso do idioma galego en todo tipo de contextos, desde a oratoria política e o ensino ao ámbito científico. En Nuestra afirmación regional, Antón Villar Ponte pregunta retoricamente se é posible "dejar de cultivar, limpiar y fijar el idioma gallego no siendo suicidas, no teniendo castrada la inteligencia ni cegado el instinto de conservación" e critica a "ridícula clase media de cincuenta años a la fecha", que comezara a mirar "con notorio desdén" a lingua materna."No hay duda de que la generalización del gallego, sobre todo en la clase media, nos llevaría á la renuncia de ese inútil esfuerzo que hacemos al castellanizar ridículamente los conceptos, las palabras y el acento", afirma máis adiante.
Villar Ponte tamén apela nesta obra centenaria á responsabilidade dos medios de comunicación e reproduce un anaco dun artigo no que Amador Montenegro pide a cada xornal que publique "una vez siquiera por semana, algo en gallego, serio, correcto, y no en verso solamente, sino que también en prosa".