A RAG difunde as partituras de Marcial del Adalid nunha nova web que visibiliza un dos grandes músicos do Rexurdimento

O pianista e compositor Marcial del Adalid (A Coruña, 1826 - Oleiros, 1881), pioneiro na incorporación á música académica da lingua galega e dos sons inspirados nas melodías populares do país, é un dos creadores máis relevantes da escena galega e española do seu tempo. Autor de preto de 300 títulos coñecidos, a práctica totalidade das súas composicións, tanto en manuscritos coma en obra impresa, consérvase na Real Academia Galega, que custodia dende 1928 un conxunto bibliográfico e arquivístico do músico que fan dela a institución de referencia para os estudos sobre a súa vida e obra. Tras completar a dixitalización destes recursos, a entidade dá un paso máis para facilitar o acceso a este rico fondo coa posta en marcha de marcialdeladalid.academia.gal, unha web na que tamén se pon á disposición dos usuarios outros contidos relacionados co autor.

Pola esquerda, Fernando López Acuña, Víctor F. Freixanes e Laura Touriñán na presentación da web e do libro sobre Marcial del Adalid. Fonte: RAG

A RAG ofrece neste espazo, por unha banda, o catálogo da produción musical de Marcial del Adalid e partituras da súa autoría en versión dixital, unha oferta que abranguerá proximamente a totalidade dos manuscritos e das edicións impresas conservadas no arquivo e na biblioteca da institución. Noutra sección é posible consultar o catálogo da biblioteca musical familiar, unha pequena xoia da bibliografía musical europea con moreas de primeiras edicións e exemplares raros, en ocasiones únicos, de grandes creadores do s. XIX. Ambos os catálogos naceron como parte fundamental do proxecto de investigación da tese de doutoramento que a musicóloga Laura Touriñán Morandeira lle dedicou ao músico coruñés, defendida na Universidade de Santiago de Compostela no ano 2020.

Noutra sección percórrese a biografía do autor; na mediateca é posible descargar fotografías de Marcial del Adalid e a súa familia e ver gravacións audiovisuais de distintos músicos interpretando peza do autor; e noutra lapela facilítase o acceso ás publicacións da Academia arredor do músico. Dúas delas son xa históricas e a última, Marcial del Adalid e o seu legado na Real Academia Galega, outra contribución de Laura Touriñán, que sae do prelo dentro da colección Anexos BRAG. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; e mais o académico correspondente e musicólogo Fernando López-Acuña e a investigadora -coordinadores da web- presentaron hoxe en rolda de prensa o libro e mais a páxina, ambas as iniciativas apoiadas economicamente pola Deputación de Pontevedra.

A RAG recibiu a biblioteca musical e o arquivo de Marcial del Adalid o 12 de decembro de 1928 por doazón de María del Adalid, a única filla que tivera coa súa dona, a escritora e académica correspondente Fanny Garrido (1842-1917), colaboradora literaria nalgunhas das súas obras máis senlleiras, como os seus cantares galegos. “Desde entón a Academia séntese obrigada coa memoria dun dos músicos máis representativos do noso Rexurdimento. Con esta nova web e o libro que asina Laura Touriñán, a institución salda en parte esta débeda histórica”, salienta Víctor F. Freixanes, que agradece o traballo e a xenerosidade da investigadora para divulgar “un autor que sobresaíu por ser pioneiro na procura do son da galeguidade dende a música académica”.

“Con certeza Marcial del Adalid é un dos personaxes máis relevantes da nosa historia da música e da cultura galegas, pero tamén un dos autores decimonónicos máis destacables da historia da música española”, apunta Laura Touriñán, en referencia á súa prolífica produción compositiva. Centrada especialmente no piano, enmárcase dentro do Romanticismo centroeuropeo e de estilo actualizado coas tendencias estilísticas imperantes da época. A musicóloga agarda que os novos recursos presentados hoxe faciliten un mellor coñecemento da “valía e o sorprendente da achega de Del Adalid á música”, ata o momento -considera- non de abondo dimensionados malia gozar de popularidade canda outros compositores nados en década posteriores como Pascual Veiga, Xoán Montes, Xosé Castro “Chané” ou José Baldomir.

Unha biografía que desvela novos datos sobre o autor
Fernándo López-Acuña destaca que a contribución que publica Laura Touriñán nos Anexos BRAG non é unha mera refundición da súa tese sobre o músico. “É un traballo de investigación que presenta novos datos. Toda a bibliografía consultada é sometida a crítica: na súa estancia no Reino Unido, como bolseira, na Royal Academy of Music, institución da que foi profesor Ignaz Moscheles, Laura Touriñán buscou as pegadas de Adalid en Londres. Por pór outro exemplo do seu ben facer, nos arquivos eclesiásticos castrenses vai buscar a acta de matrimonio entre Marcial del Adalid e Fanny Garrido, que finalmente atopa. Multitude de datos novos que, unha vez depurados, como pezas dun crebacabezas van configurando unha biografía de Del Adalid que a autora sitúa perfectamente no seu contexto histórico”, comenta o académico correspondente.

Pero posiblemente o máis atraente desta monografía para as persoas non especialistas -engade López-Acuña- sexa o capítulo que dá a coñecer a biografía e a obra de Marcial del Adalid; e dentro del as páxinas nas que se afonda naquelas composicións que, dalgún xeito, están directamente relacionadas con Galicia, ben pola música, ben pola lingua ou ben polo seu argumento histórico-literario.

Un pioneiro da música de salón inspirada na tradición galega
Na súa madureza, seguindo o estilo da mélodie française, Marcial del Adalid escribiu numerosas pezas para poemas en francés de autores como Victor Hugo, Musset ou Lamartine, mais tamén en castelán e os cantares galegos de salón ou cancións líricas galegas, singulares polos seus poemas en galelo e temática costumista. O compositor dedicou estes Cantares viejos y nuevos de Galicia (ca. 1871-77) á súa filla.

Estas cancións -algunhas delas sobre poesías de Fanny Garrido- son só unha parte do conxunto de obras inspiradas na terra natal que o artista escribiu fundamentalmente neste treito final da súa vida. Nelas o compositor levou por primeira vez as tradicións, os costumes e a historia de Galicia aos salóns, nos tempos dos nacionalismos culturais europeos e do Rexurdimento. Dita produción abrangue tamén Galicia. Marcha triunfal para piano só (1859-60), Mondariz (ca.1880-81), Danse Galicienne (ca. 1879-80), Pedro Madruga. Zarzuela en tres actos (ca. 1871-73), Ynes è Bianca. Drama lirico un quattro atti col un prologo (ca.1873-78) e Galicia. Marcha triunfal para Grande Orquestra (1881).

Estas obras pioneiras beben da sonoridade das melodías populares autóctonas, que Marcial del Adalid adapta aos xéneros de salón, escénico ou sinfónico, segundo o caso; ou ben son melodías de novas creación que se inspiran nas de orixe popular, como sucede nos cantares vellos de Cantares viejos y nuevos de Galicia. A lingua galega emprégase como elemento identitario por primeira vez na música académica na totalidade destes cantares e en Mondariz, mentres que emerxe en momentos puntuais da zarzuela Pedro Madruga, onde predomina o castelán, e mais na ópera Ynes è Bianca, escrita en italiano.

A combinación de elementos que definen “o galego” supeditada ás características propias de cada xénero constitúe unha proposta innovadora de Marcial del Adalid que o sitúa como un dos precursores nun camiño que foi secundado por autores posteriores como Pascual Veiga, Juan Montes ou Baldomir.