A RAG celebra o Día das Letras de María Victoria Moreno cunha sesión pública en Pontevedra

A Real Academia Galega celebrará o 17 de maio cunha sesión plenaria extraordinaria e pública que terá lugar a partir das 12:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra, onde a figura homenaxeada neste 2018 pola institución, María Victoria Moreno, se estableceu en 1963 ao chegar a Galicia. A escritora, profesora, editora e activista da lingua e a cultura de noso viviu o resto da súa vida nesta cidade, epicentro dos actos centrais organizados co gallo do Día das Letras Galegas do que é protagonista. A Academia celebrará o seu pleno extraordinario no Teatro Principal cedéndolles a palabra a tres membros de número moi vinculados a ela por distintas razóns: Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey e Xesús Alonso Montero ofrecerán tres olladas persoais á vida e á obra da autora neste acto, aberto ao público ata completar capacidade. A sesión concluirá coa intervención do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

Detalle do programa do acto da RAG do 17 de maio


María Victoria Moreno naceu circunstancialmente en Estremadura en 1939, medrou en terras de Castela, estudou sendo adolescente en Barcelona, fíxose filóloga en Madrid e escolleu ser galega e empregar a súa lingua en todos os contextos pouco tempo despois de establecerse na nosa terra, a onde chegou para exercer a docencia. Entre 1965 e 1967, deu clases no Instituto Masculino de Lugo, unha etapa decisiva no espertar do seu activismo a prol da lingua galega en plena ditadura. Neste centro coñeceu o profesor Xesús Alonso Montero, de quen herdou, segundo ela mesma dixo, a súa actitude ante a lingua galega e a ética e o compromiso cos seus falantes. Entre os dous axiña medrou unha fonda amizade, que queda patente no primeiro libro que publicou a escritora, Mar adiante (1973). O académico prologouno e parte do alumnado do barco escola Arroás que protagoniza esta historia levou o nome dos fillos deste, un xesto de cariño que repetiría en moitos títulos coa rapazada e a xente adulta que quería.

Mar adiante, salienta o académico correspondente Xoán Babarro nesta Tribuna da RAG, foi un título pioneiro na literatura infantil galega. Con el María Victoria asinou para sempre o compromiso coa lingua e co público máis novo: o idioma na creación literaria, e na vida, sería en diante sempre o galego e a gran maioría das obras que escribiría dedicaríaas á xente miúda e adolescente, aínda que tamén escribiu poesía e relatos para o público adulto, ensaio e crítica literaria. Este conto de contos foi ademais un canto á renovación pedagóxica dunha profesora vocacional capaz de espertar vocacións literarias e conciencia lingüística nas aulas, porque aínda que era docente de Lingua e literatura castelá xa lles facía oco naqueles anos setenta, nas clases dos venres, aos grandes nomes das letras galegas e á práctica da escrita en galego.

A literatura infantil e xuvenil (LIX) é tamén o terreo no que adoitan expresarse literariamente as académicas Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, que serán as encargadas de abriren o acto da Academia do 17 de maio. Fina Casalderrey, que comparte con María Victoria Moreno a condición de pontevedresa, foi ademais alumna dela nos cursos de literatura galegas que impartiu como mestra de mestres nos primeiros anos 80. Ambas as académicas son, como a homenaxeada, persoas moi vinculadas á xente nova desde o ámbito laboral: Marilar Aleixandre é catedrática ad honorem de Didáctica das Ciencias na Universidade de Santiago de Compostela e Fina Casalderrey foi mestra. As dúas asinan tamén a biografía de María Victoria Moreno que pode lerse no espazo da web da Academia dedicado á autora, que inclúe igualmente unha sección de novas con reportaxes e entrevistas sobre a súa vida e obra.

Da Primavera das Letras ao Simposio María Victoria Moreno
A RAG xa escolleu o pasado mes de febreiro Pontevedra para abrir a súa programación do Ano María Victoria Moreno. Da man da comunidade educativa do CEP Marcos da Portela, a institución presentou a nova edición do proxecto web Primavera das Letras, que fornece de recursos lúdicos e didácticos arredor do universo vital e literario da protagonista deste 17 de maio destinados os cativos e cativas de infantil e primaria. Neste espazo xa están dispoñibles a maioría das 14 actividades interactivas previstas e seis fichas descargables que permiten profundar, da man de María Victoria Moreno, en competencias e contidos transversais do currículo escolar.

O Portal das Palabras, o espazo para a divulgación do léxico da nosa lingua que a RAG ofrece coa colaboración da Fundación Barrié, tamén lle dedicará contidos a María Victoria Moreno ao longo deste ano, como estas Sete palabras de María Victoria Moreno que percorren a súa traxectoria ou estoutra entrada dedicada á "amorosa autofonía" que mantiña, nas súas palabras, co idioma galego.

Xa no mes de novembro, os días 27 e 28, a Real Academia Galega celebrará na súa sede da Coruña o Simposio María Victoria Moreno, dúas xornadas nas que se afondará, a través das disertacións de diversos especialistas, na personalidade e no legado da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas. O simposio, aínda que destinado principalmente ao profesorado de lingua galega e literatura dos distintos ciclos e niveis, está aberto ao público en xeral.