Castelao
A exposición poderá verse ao longo de toda a semana na biblioteca da Academia, en horario de 9 a 14.45 horas e de 16.30 a 19.45 horas de luns a xoves e de 9 a 14.45 horas o venres 28 de outubro. Os visitantes recibirán como agasallo un exemplar d'A Terra Chá, poesía e paisaxe, o discurso que o poeta Manuel María, protagonista do Día das Letras Galegas de 2016, pronunciou co gallo do seu ingreso na RAG no ano 2003.
O fondo de Villar Ponte foi doado en 2001 á Real Academia Galega por Esperanza Casal Rodríguez, nora do intelectual, por indicación do seu home, Antón Villar Chao. A literatura galega de principios do século XX predomina nesta colección, con dedicatorias de moitos dos autores. É o caso, por exemplo, de Seara: poesías gallegas (1924) no que a escritora e académica correspondente Herminia Fariña estampou a súa sinatura acompañada de palabras de afecto ao seu "irmán"; Oraciós campesiñas: (versos galegos) (1927), de Eladio Rodríguez González; un exemplar de Proel, de Luís Amado Carballo, do ano 1927; Na noite estrelecida (1926), de Ramón Cabanillas; ou Romances galegos, de Eduardo Blanco Amor, en edición de 1928.
A biblioteca de Villar Ponte é tamén rica en obras de contido político e corte ensaístico. Entre outros textos, o público poderá ver neste apartado Unificación y diversificación de las nacionalidades (1932), de Manuel Portela Valladares; O municipio galego; conferencia lida na "Irmandade da Fala" da Cruña (1917), dedicado tamén polo seu autor, Antonio Valcárcel; La nacionalitat catalana (1910), de Enrich Prat de la Riba (igualmente dedicado) ou El problema político de Galicia, de Vicente Risco, en edición de 1930.