A RAG celebra do 19 ao 21 de novembro o Simposio Luísa Villalta

A Real Academia Galega celebrará do 19 ao 21 de novembro o Simposio Luísa Villalta, un encontro no que preto dunha vintena de especialistas afondarán na vida e na obra da autora á que a institución lle dedica este ano as Letras Galegas. Con esta cita a RAG continuará en outono a súa programación sobre a escritora, nada tal día coma hoxe, o 15 de xullo de 1957, na cidade da Coruña, onde morreu prematuramente en 2004 aos 46 anos de idade. Todas as sesións, abertas ao público, desenvolveranse en horario de tarde na sede da Fundación Barrié.

Baixo o título Mil son eu tan só, tan soa, o simposio, coordinado polas académicas Margarita Ledo Andión e Ana Romaní, arrincará o martes 19 de novembro con dous relatorios da poeta e Eva Veiga e o músico Paulino Pereira. A primeira xornada continuará cunha mesa redonda coa crítica literaria e profesora da USC María Xesús Nogueira, o académico correspondente e profesor honorario da UDC Luciano Rodríguez e a escritora e profesora da UVigo Rexina R. Vega. O crítico literario e investigador do Centro Ramón Piñeiro Armando Requeixo será o encargado de moderala.

O mércores 20 de novembro a filóloga e ensaísta Inmaculada Otero Varela afondará na narrativa de Luísa Villalta e o escritor e crítico literario Henrique Rabuñal, na súa obra dramática. Deseguido a académica Chus Pato, Estíbaliz Espinosa e Tamara Andrés, tres poetas de diferentes xeracións, comporán unha mesa redonda, moderada pola académica correspondente Mercedes Queixas, na que reflexionarán sobre o feito de ler a Villalta.

O poeta Xosé Mª Álvarez Cáccamo e a profesora honoraria da UDC Pilar García Negro ofrecerán o xoves 21 senllos relatorios sobre a lírica e o ensaio da homenaxeada. A tarde continuará cunha mesa redonda sobre a cidade da Coruña na obra de Luísa Villalta protagonizada por Teresa Seara, Xurxo Souto e Miguel Anxo Fernán Vello, e con Cesáreo Sánchez Iglesias como moderador.

O programa contempla ademais a inauguración da exposición fotográfica “O Papagaio”, con imaxes de Maribel Longueira, coautora do volume no que os versos de Villalta dialogan coas súas fotos sobre o derrubamento do barrio da prostitución da Coruña; e as actuacións de Uxía e Indóciles, a proposta multidisciplinar de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut arredor da vida e da literatura da protagonista destas Letras Galegas.