O Día da Poesía celebra a escrita sen límites de María Xosé Queizán

A Real Academia Galega celebrará o Día da Poesía 2026 con versos de María Xosé Queizán (Vigo, 1939). O Museo de Arte Contemporánea de Vigo acollerá o martes 17 de marzo (18:30 horas) un recital de homenaxe á autora no que unha ducia de escritoras e escritores dialogarán con poemas dunha escritora de excepcional pulo creativo e referente imprescindible do pensamento e da práctica feminista. A académica Margarita Ledo será a encargada da loanza de Queizán e Uxía poralle a música ao encontro.

O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e a directora da Sección de Literatura, Marilar Aleixandre, abrirán o acto, de entrada libre ata completar a capacidade da sala. A cita, organizada co apoio da Deputación de Pontevedra e do Concello de Vigo, poderá seguirse tamén en directo desde academia.gal.

Rexina Vega, Marga do Val, Manuel Forcadela, Fina Casalderrey, Andrea Nunes, Elvira Ribeiro, Pepe Cáccamo, Ana Romaní, María Reimóndez, Camiño Noia, Míriam Ferradáns e Xavier Baixeiras lerán unha escolma de poemas de Queizán recollida na plaquette conmemorativa que lle dá tamén título á homenaxe: María Xosé Queizán. A escrita sen límites. O público será agasallado con esta edición ao coidado da académica Ana Romaní, que inclúe tamén pequenos comentarios das voces colaboradoras, declaracións que deixan constancia da admiración e do recoñecemento que suscita unha pioneira que, en palabras de Margarita Ledo, “trae a experiencia das mulleres para o centro da trama”.

Queizán presentouse no mundo literario como novelista, coa publicación con apenas 26 anos d’A orella no buraco (1965), un dos títulos de referencia da Nova Narrativa Galega no que trouxo ás nosas letras os principios do Nouveau Roman. Como ensaísta irrompeu en 1977 co pioneiro A muller en Galicia, e nos anos seguintes levou ao prelo diversos volumes como narradora e pensadora, e promoveu a creación da revista feminista Festa da Palabra Silenciada, que dirixiu entre 1983 e 2014.

Como poeta, o perfil no que se porá o foco na homenaxe do vindeiro martes, o seu primeiro libro, Metáfora da metáfora (1991), viría a luz pasados xa os seus 50 anos. Lingua con lingua / corpo de signos / corpo de meu. / Lingua / único corpo que me pertence é o potente peche deste novo debut sobre o que reflexiona nas súas memorias: “Non escribín poesía en serio ata 1990, cando me decatei de que podía escribir poesía como escribía ensaio”, conta en Vivir a galope (2018). Despois chegaría Despertar das amantes (1995) e Fóra de min (1995), recollidos canda Metáfora da metáfora en Non o abras como unha flor (Poesía reunida. 1980 -2004); e xa co novo século Cólera (2007) e Lesbiar (2015).