A RAG anima a mocidade a empregar o galego en todos os contextos e demanda políticas de socialización facilitadoras

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participou este luns na apertura dunha nova edición do programa 21 Días co galego, que este ano chega a dez centros de secundaria. A iniciativa anima a estudantes de 12 a 18 anos a expresárense en galego as 24 horas do día durante tres semanas, un primeiro paso co que se pretende rachar prexuízos, afianzar a lingua entre os adolescentes galegofalantes e facilitar aos que non o son que rompan a falar no idioma propio de Galicia. Víctor F. Freixanes afoutou os mozos e mozas a seguiren este camiño e demandou políticas activas que promovan espazos de socialización en galego para as novas xeracións.

Inauguración de 21 Días co galego no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela


21 Días co galego naceu en 2013 no IES da Pobra do Caramiñal da man da profesora Pilar Ponte. Nun contexto fortemente castelanizado, en 2016 o profesor Carlos Medrano imitou o proxecto no Colexio Fogar Santa Margarida da Coruña. Ambos os dous centros presentaron en 2018 na Real Academia Galega a iniciativa, que neste 2020 se desenvolve, por segundo ano, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística para abranguer máis centros. Desta volta chega ata dez institutos de Galicia e suma 3.877 mozos e mozas inscritos.

Víctor F. Freixanes participou onte na apertura da nova edición no Colexio Fogar Santa Margarida e no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela, outro dos institutos que traballarán cos alumnos e alumnas neste marco para promover que empreguen o galego dentro e, sobre todo, fóra do centro educativo. No colexio coruñés acompañou o director, Raúl Díaz Carballeira, Alfonso Sanmartín, membro do consello escolar, e o profesor Carlos Medrano e en Santiago de Compostela tomou a palabra canda o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Educación, Manuel Corredoira; o director do IES, Manuel Portas; a promotora e coordinadora do programa, Pilar Ponte, e a alumna de bacharelato Noela Rivas.

O presidente da Academia animou o alumnado a usar con naturalidade o galego en todos os contextos e salientou a necesidade de promover "políticas activas para a socialización en galego" que favorezan especialmente a creación de espazos de relación e descuberta da vida para o público infantil e adolescente en lingua galega. "O galego non pode ser só unha materia nin un obxecto de museo. A lingua está viva e ten unha utilidade obxectiva. É ademais un dos patrimonios máis grandes que temos, un idioma propio", concluíu Víctor F. Freixanes, quen amosou a súa confianza en que o número de centros adheridos ao programa medre en vindeiras edicións.


Un momento da inauguración de 21 Días co galego no Colexio Fogar Santa Margarida da Coruña