Persoal da Academia atenderá ata o domingo o expositor instalado no mercado de Santo Agostiño
Facsímiles das primeiras edicións de obras senlleiras das letras galegas como Aires d'a miña terra, de Curros Enríquez, ou A gaita gallega, de Xoán Manuel Pintos, son parte dos libros que se poden ollar no expositor da RAG. A cultura galega en Buenos Aires: 1950-1960, de Xosé Neira Vilas; as obras de Xosé Filgueira Valverde sobre Armando Cotarelo Valledor, Antón Losada Diéguez e Álvaro Cunqueiro; o Mapa sociolingüístico de Galicia ou O galego segundo a mocidade tamén poden consultarse xunto a exemplares da última etapa do Boletín da Real Academia Galega, entre outras obras.
O I Salón do Libro e da Lectura da Coruña foi inaugurado onte, 17 de decembro, declarado Día da Edición en Galicia en conmemoración do aniversario do nacemento do editor Ánxel Casal. Abecedari@ pretende pór en valor a realidade do libro, contando coas editoras coruñesas, librarías e bibliotecas, "coa convicción profunda de que este segue a ser un vehículo fundamental e imprescindíbel para o noso desenvolvemento", salienta Editores Coruñeses. Presentacións de libros, recitais poéticos, concertos e actividades para a rapazada son algunhas das propostas do programa deste salón do libro.