"Aínda que Fanny Garrido é unha figura que temos un tanto esquecida, é unha personalidade importante que debemos destacar na historia de Galicia e da España do século XIX. Foi unha das mulleres avanzadas ao seu tempo que, a maiores das súas colaboracións artísticas con Marcial del Adalid, fixo produción literaria e foi unha persoa moi preocupada polos problemas sociais do seu tempo, como reflicten os seus artigos sobre a situación mariñeira, agrícola, a infancia...", valora Laura Touriñán. Fanny Garrido foi tamén unha persoa interesada na cultura galega e participou en iniciativas como a Sociedade de Folk-Lore Galego, da que foi socia fundadora na xunta inaugural, xunto coa presidenta e promotora, Emilia Pardo Bazán, nun acto celebrado en 1883 na casa desta, na rúa Tabernas 11, actual sede da Real Academia Galega.
Na parte musical, Susana de Lorenzo e o pianista Alejo Amoedo interpretarán "Bágoas e soños", "Frouseira, triste Frouseira", "Canto de berce", "A bordo", "Mondariz", "¡Pesoulle!", "A sorte" e "A noite de san Xoán".