A RAG acolle a presentación-concerto do volume coa música de Manuel Feijoo para textos das letras galegas

A Real Academia Galega acollerá o vindeiro 28 de xuño, ás 19:30 horas, a presentación-concerto de Padre Manuel Feijoo. Música da nosa terra (Armonía Universal, 2018), volume que recompila as partituras que o compositor franciscano escribiu para autores senlleiros das letras galegas e arranxos para pezas populares. "Neste libro vese a importante conexión que o padre Feijoo tiña coa música popular e a tradición literaria galega, nel séntese ante todo un músico galego", salienta o impulsor e coordinador da edición, Enrique Mourille Feijoo.

Detalle da cuberta de Padre Manuel Feijoo. Música da nosa terra


Enrique Mourille, sobriño e alumno do compositor, presentará a publicación xunto ao director de Armonía Universal, o musicólogo e profesor Carlos Núñez Deza, e o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes. Deseguido, o grupo Resonet ofrecerá un concerto no que interpretará composicións recollidas no volume.

Manuel Feijoo (1926 – 1992), natural de Outomuro (Cartelle, Ourense), mergullouse no mundo musical e literario no Seminario de Santo Antonio de Herbón, onde se formou desde os 13 anos e máis tarde foi organista e profesor de música e literatura. O padre franciscano compaxinou estes labores coa composición musical e a fundación de coros, como os infantís de Herbón e Ponteareas e, xa en 1966 e establecido en Santiago de Compostela, o Orfeón Terra a Nosa. Con esta agrupación chegou á súa máxima efervescencia creadora e fixo xiras internacionais, sempre bebendo da tradición galega, mesmo en momentos nos que a lingua, a literatura e a música popular de noso permanecían relegadas, salienta Enrique Mourille, que recorda como o padre Feijoo sempre deixaba espazo nas súas clases para as letras galegas.

Co volume que se presentará o xoves 28 de xuño no salón de actos da Real Academia Galega complétase a publicación da obra de Manuel Feijoo, logo de saíren do prelo outros dous títulos, un centrado na súa música polifónica, que inclúe as cinco misas que compuxo, e outro, coa súa música de Nadal. A terceira entrega xunta agora as partituras que escribiu para textos de figuras destacadas das letras galegas desde o Rexurdimento. Varias son pezas para poemas da propia Rosalía de Castro ("Nasín cando as prantas nasen", "Has de cantar", "Padrón, Padrón!", "Como chove miudiño") e outras de Gonzalo López Abente ("No lar"), Ramón Cabanillas ("Galicia!, Nai e Señora") ou Fermín Bouza Brey ("Requiem por Cuevillas").

Manuel Feijoo realizou ademais arranxos para pezas populares como o "Alalá de Muxía" ("Nosa Señora da Barca") ou "Catro vellos mariñeiros", tamén recollidos neste novo libro que conclúe cunha escolma fotográfica da traxectoria do homenaxeado.