O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, asina o limiar do Cancioneiro de Buño, publicado por Edicións Embora coa colaboración da Real Academia Galega, o Concello de Malpica de Bergantiños e Olería de Buño. Víctor F. Freixanes interveu na presentación celebrada na rúa Tabernas da Coruña canda o alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo J. Parga Veiga; a concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro Novo; o editor literario, Xosé Manuel Varela; e mais o fotógrafo Antonio Fernández, quen retratou para esta obra os homes e as mulleres de Buño que seguen a facer desta parroquia o maior centro de olería de Galicia.
Ao acto tamén asistiu a historiadora Ana Romero Masiá, que ten vínculos familiares con Barizo. A nova académica correspondente compartiu cos nenos e nenas un chisco da historia das cebolas desta parroquia malpicá mencionadas nos primeiros versos do Cancioneiro de Buño, que xa eran exportadas hai séculos, e salientou a importancia desta terra na súa traxectoria vital.
Dous mundos creativos: a olería e a literatura popular
Víctor F. Freixanes gabou a visibilización de dous mundo creativos tan relevantes na identidade bergantiñá presente nesta obra. Por unha banda, o mundo das coplas populares, nas que dalgún xeito -dixo- “residen as esencias da nosa tradición e da nosa lingua”, e que mesmo serviron de inspiración dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro; e por outra, o mundo da olería, en constante evolución grazas aos homes e mulleres que recollen a tradición desta arte e lle dan unha nova vida.
“Con este libro quíxose dignificar a literatura popular galega e, en concreto, a de Malpica”, salientou na mesma liña o editor literario, Xosé Manuel Varela. Pero as coplas non só teñen relevancia como manifestación literaria. “Estes versos herdados xeración tras xeración tamén se cantaban e se bailaban”, explicoulles aos nenos e nenas, antes de convidalos a un xogo consistente en adiviñar a posición de distintos versos nas coplas.
O alcalde e a concelleira de Cultura animaron igualmente o alumnado a coñecer o Cancioneiro de Buño. “Animámosvos a coñecer de onde vimos. Todos debemos, como mínimo, coñecer e respectar este patrimonio común”, expresou Noelia Freijeiro.
A recolla do Cancioneiro de Buño e doutras coplas populares no Boletín da Real Academia Galega produciuse pouco despois do nacemento desta institución, inaugurada no ano 1906. O interese en composicións como estas obedecía a distintas razóns. “Son documentos non só da creatividade artística do pobo, senón das súas formas de vida, costumes, valores, crenzas e tradicións que se transmitiron de xeración en xeración”, destaca Víctor F. Freixanes no prólogo.
Dolores Cancela, unha moza pertencente á familia dos Margaritos
Pero quen foi a informante que fixo posible esta primeira recolla etnolingüística en Malpica de Bergantiños? O editor literario dá resposta a esta pregunta nas páxinas que preceden as coplas, nas que apunta que Dolores Cancela Pérez, nada o 17 de xullo de 1894, pertenceu á familia dos “Margaritos”, cuxo alcume permanece vivo na actualidade. “Non deixa de ser meritorio que unha adolescente do momento conservase este importante e completo legado de poesía popular”, valora Xosé Manuel Varela.
Tempo despois, outra muller, Dorothé Schubarth, recollería en varias aldeas malpicás máis coplas da zona, publicadas en 1984 no primeiro volume do Cancioneiro popular galego que a musicóloga suíza asinou co académico Antón Santamarina. Numerosos grupos folclóricos do país, engade Xosé Manuel Varela, continuaron este labor e incorporaron tamén estes versos que conforman unha parte destacada do patrimonio inmaterial da lingua galega aos seus repertorios, levando o Cancioneiro de Buño a foliadas de toda Galicia.