A primeira cita terá lugar o mércores 4 de xuño no Museo Provincial de Lugo (17:30 horas). O historiador da Universidade de Santiago de Compostela José Carlos Sánchez Pardo, natural de Lugo, será o encargado neste encontro de profundar no Arde Lucus; e Anselmo López Carreira, especialista en historia medieval de Galicia, falará sobre a Festa de Istoria de Ribadavia.
O ciclo continuará o mércores 11 de xuño na Casa Galega da Cultura de Vigo (17:30 horas), co catedrático da Universidade de Vigo Luis Míguez e o xornalista, profesor da USC e divulgador Manuel Gago. Míguez afondará no caso da festa da Reconquista de Vigo e Gago ofrecerá unha intervención sobre a Romaría Vikinga de Catoira. Todas as sesións son de entrada libre e poderán seguirse tamén en directo en academia.gal.
As xornadas A invención da tradición toman prestado o seu nome da expresión popularizada polos historiadores Eric Hobsbawn e Terence Ranger na obra homónima, editada por primeira vez en 1983 e convertida nun clásico. Os estudosos británicos sinalan nestas páxinas o interese específico que teñen para os historiadores as tradicións inventadas, que “normalmente intentan conectarse cun pasado histórico”. É o caso das catro festas das que se falará nas dúas mesas redondas que organiza a Sección de Historia da Academia co propósito de achegar a súa especialidade a un público amplo.
“A historia é algo máis ca un asunto erudito que se fai nos arquivos e nas bibliotecas. Tamén pode estar na rúa, e incluso pode ser transformada popularmente, non sempre de forma rigorosa, pero esta non é a cuestión que nos importa nestas xornadas”, apunta o coordinador do programa e director da Sección de Historia, o académico Ramón Villares. “O que nos interesa é interrogarnos sobre como é vista e resignificada a historia na actualidade. Preocuparnos por estas festas que apelan a unha tradición, pero que non son tradicionais, é tamén unha forma de educar, de chamar a atención sobre o feito de que a historia serve para entender non só o presente, senón o futuro a través do pasado”, engade.
A Real Academia Galega organiza as xornadas A invención da tradición coa colaboración do Museo Provincial e a Rede Museística Provincial de Lugo, o Concello de Vigo, a Fundación Penzol, a Deputación de Lugo, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.