"A produción audiovisual incidiu tanto no prestixio social como na estandarización do idioma"

Neste 2019 cúmprense trinta anos da estrea das tres primeiras longametraxes comerciais galegas, Sempre Xonxa, Urxa e mais Continental. Nos anos seguintes, ao longo da década dos 90, a produción audiovisual estenderíase conquistando para a lingua propia territorios como o da creación de ficcións televisivas. Antón Reixa, nome esencial desta industria en Galicia, analizou o impacto destes avances no ámbito sociolingüístico no marco dos Cursos de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia. "A produción audiovisual incidiu tanto no prestixio social como na estandarización do idioma", salientou. O creador falou sobre este tema na Facultade de Filosofía, no histórico edificio da praza compostelá de Mazarelos, un escenario vital que foi testemuña dos sucesivos avances para o idioma. "De sempre, a normalización do galego ten que ver co discurso que defende elementos de igualdade social", engadiu.

Antón Reixa nun momento da charla


"Eu son da primeira xeración que se incorporou ao galego sen complexos, malia non ser considerado entón idioma oficial", afirmou Antón Reixa (1957) no mesmo lugar onde empezou a estudar Filoloxía antes da morte de Franco. Nalgunha daquelas asembleas estudantís celebradas en Mazarelos no ano 1974 chegárase a debater sobre a lingua na que debía transcorrer o encontro, porque "o galego non se daba incorporado por completo a ese proceso de rebeldía".

En Mazarelos, Antón Reixa viviu tamén como alumno os momentos de debate previos á aprobación dunha normativa oficial. Hoxe o galego estándar, valorou, é "aceptado de forma maioritaria polo mundo académico e, sobre todo, socialmente como sistema de referencia". O vello inmoble da USC foi ademais escenario das discusións sobre a introdución da materia de Lingua galega e literatura nos exames da selectividade, outro debate no que participou a mediados dos anos 80 xa como docente de secundaria. Tres décadas despois, a facultade é testemuña doutro feito ben diferente que reflicte unha das facianas máis positivas da evolución do idioma: o interese de setenta alumnos e alumnas de vinte nacionalidades diferentes pola lingua galega.

O músico, poeta e creador audiovisual incidiu na contribución da televisión ao proceso de normalización do idioma e á fixación do estándar, empezando por aquelas desconexións informativas de pouco máis dunha hora que estreou TVE a finais da década dos 70, nas que curiosamente os minutos dedicados ao tempo foron os que máis impacto conseguiron. Pero o gran paso para mudar a percepción social da cidadanía sobre a lingua a través do televisor deuse en 1985 co comezo das emisións da TVG. Antón Reixa recordou que as primeiras reaccións de "desconcerto" dos telespectadores ao ouviren falar en galego os personaxes de series como Dallas, que coñeceran antes en castelán, deron paso á aceptación de que o galego é unha lingua apta para as ficcións televisivas. Estes produtos dobrados, unidos aos da programación infantil e os informativos e outros programas de produción propia, contribuíron a que se percibise por fin como un idioma apto para todos os rexistros, proseguiu. "Deberían dedicarlle un Día das Letras Galegas a Son Goku, foi un grande elemento normalizador", chanceou quen tamén o foi demostrando cos Resentidos que se pode facer rock na lingua do país.

A televisión feita en galego non só contribuíu á dignificación do idioma, foi e é tamén unha ferramenta de difusión das formas normativas, abundou. "É o caso do vestiario dos xogadores de fútbol. Hoxe é unha forma asentada, cando antes a xente lle chamaba vestuario ou caseta", puxo como exemplo Antón Reixa, que tamén atribuíu un efecto normativizador ao célebre "Estás bébeda, Sue Ellen" da devandita Dallas.

A confusión que supón entender que o galego estándar que se adoita empregar na televisión é "ou o bo galego ou o galego malo" foi outros dos temas abordados na charla. A popularidade de Mareas Vivas, estreada en 1998 baixo a súa dirección, contribuíu a rachar prexuízos neste sentido ao incorporar por primeira vez nunha serie o seseo e a gheada. "Non hai nada nas Normas que condenen estes fenómenos, pero daquela parecían vulgares", contextualizou.

O lapis do carpinteiro (2002), outro éxito na carreira audiovisual de Antón Reixa, non puido desenvolverse no lingüístico como quixo. "Tiven a sorte de ser o adaptador cinematográfico da que é probablemente a novela en lingua galega máis difundida e a desgraza de que o 75 % do financiamento fose de fóra de Galicia. Tivemos que rodala co son directo en castelán e dobrala ao galego", recordou.

A día de hoxe, o audiovisual galego está "moi desenvolvido" e é posible producir en Galicia calquera obra, pero como en toda Europa segue a depender do diñeiro público, "e iso sempre provoca unha relación tensa", concluíu.