No libro que vén de publicar Diego Rodríguez Paz, Dionisio Fierros en Galicia. Pintura, invención e oficio (2023), aparece na páxina 67 unha fotografía do cadro De Ruada na que se representan dúas mulleres galegas xunto a un home, que están na típica actitude de interpretar unha canción. O cadro fora presentado na Exposición Agrícola, Industrial y Artística de Galicia de Santiago do ano 1858, xunto a outros dous de tema costumista e varios retratos. Sería realizado entre esa data e o ano 1855 cando o pintor asturiano Dionisio Fierros (Vallouta, Cuideiru, 1827) chega a Santiago para realizar diversos retratos da burguesía compostelá que posiblemente lle encargaran en Madrid ao estudo dos Madrazo, no que Fierros destacaba xa como avantaxado discípulo.
A sona que acadou cos seus primeiros retratos orixinou novas encargas e a estadía en Santiago, que ía ser duns poucos meses, rematou por chegar a tres anos. Nese tempo, puido desenvolver cun certo vagar unha idea que posiblemente nacera nos círculos artísticos nos que se movía Fierros na capital e que colleu corpo cando soubo que tiña que desprazarse a Galicia: “Pintar cuadros de costumbres de aquel país” (Rodríguez Paz, 2024). Os novos aires que chegaban aos pintores españois impulsaban un certo cansazo pola pintura histórica, que era a de referencia naqueles tempos, e unha apertura cara a horizontes inéditos que alentaba o movemento romántico, como foi a pintura de costumes que estaba a dar os seus primeiros pasos cos cadros dedicados ao pintoresquismo andaluz e madrileño.
Dionisio Fierros foi, pois, quen iniciou en Galicia a partir de 1855 este novo movemento pictórico que tentaba representar, cun certo idealismo, o mundo dos costumes populares dun xeito distendido e amable. Naceron así todos os numerosos apuntamentos e cadros inspirados na contorna rural compostelá, nos que aparecen por primeira vez representados con dignidade e “verdade” (como se dicía no léxico artístico do momento) festas e costumes galegos. Neste contexto é no que se realizaría esta representación de tres galegos cantando “de ruada”, que con toda probabilidade é a primeira representación gráfica das “cantareiras” que festexamos neste ano 2025 no Día das Letras Galegas. Cal sería a letra da canción que interpretaban? Algunha letriña popular do cancioneiro que don Casto Sampedro recompilaría anos despois? Non o sabemos. O que si podemos asegurar é que a paisana galega que nos olla de fronte está moi reconcentrada na súa execución coa típica postura dos cantantes coa man facendo pantalla na orella.
O cadro presentouse de novo na Exposición Nacional de Bellas Artes de 1860 e o mesmo día da inauguración adquiriuno o duque de Fernán Núñez, pero é magoa que na actualidade estea en paradoiro descoñecido (Rodríguez Paz 2019). Felizmente, consérvase un bo bosquexo asinado polo pintor, que é o que se reproduce a continuación.
BIBLIOGRAFÍA Rodríguez Paz, Diego. Dionisio Fierros en Galicia. Pintura, invención e oficio. Consorcio de Santiago de Compostela. Santiago, 2023