Depositan a coroa, Martínez Risco e Carré Alvarellos. Detrás de Carré, o secretario, Vales Villamarín. E detrás, de esquerda a dereita: Meijide Pardo, Freyre de Andrade, Chao Espina, Rodríguez Yordi, Serrano Castilla e Naya Pérez
Na Xunta Ordinaria da Real Academia Galega do 28 de abril de 1963, despois de declarar o 17 de maio como Día das Letras Galegas, os académicos presentes acordaron os actos que terían lugar na data sinalada e por esta orde foron descritos na acta correspondente: unha visita a dona Gala Murguía de Castro, filla dos insignes Manuel e Rosalía; senllas visitas e ofrendas florais ao Panteón de Galegos Ilustres, onde descansan os restos de Rosalía, e ao coruñés cemiterio de San Amaro, onde se encontra a sepultura de Murguía; outra ofrenda floral na Casa da Matanza, lugar do pasamento de Rosalía; Sesión Extraordinaria no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela e, por último, colocación dunha lápida conmemorativa na casa na que viviu a poeta na cidade da Coruña.
Cronoloxicamente, o primeiro dos actos realizados polos representantes da Real Academia Galega foi a visita á tumba de Manuel Murguía.
Chegaron ao cemiterio de San Amaro, á unha da tarde, os académicos Sebastián Martínez Risco, presidente da Real Academia naquel ano; Francisco Vales Villamarín, secretario; Juan Naya Pérez, bibliotecario; Leandro Carré Alvarellos, Antonio Meijide Pardo, Joaquín Freyre de Andrade, Enrique Chao Espina, Julio Rodríguez Yordi e Francisco Serrano Castilla seguidos de representantes ministeriais e dunha pequena comitiva.
Visita dos membros da Academia a
Gala Murguía
O acto foi discreto e sinxelo, ao mesmo tempo que implicaba unha profunda emotividade. Despois de depositar na tumba unha coroa de loureiro -planta lendaria para o historiador e creador de mitos-, Martínez Risco pronunciou verbas cheas de orgullo nas que lembrou a influencia que exerceu Murguía no torrente creativo da escritora. Para rematar, o crego Chao Espina rezou un responso para o descanso da alma inmortal do insigne varón. Rematado o acto a comitiva dirixiuse a casa da filla, Gala Murguía.
Este acto tivo un valor simbólico moi importante, pois, alén de coincidir no tempo co XL aniversario do falecemento do gran patriarca galego, representa unha homenaxe ao primeiro presidente da Academia, un persoeiro que dotou de identidade propia ao pobo galego, un pai da patria que ademais fora compañeiro da vida do maior expoñente universal da literatura galega, Rosalía de Castro.