A Primavera das Letras de Antonio Fraguas comeza da man dos nenos e nenas do seu Cotobade natal

Cotobade foi a primeira fiestra ao mundo para Antonio Fraguas. Nestas terras da provincia de Pontevedra naceu e medrou, e a elas dedicou os seus primeiros traballos como antropólogo. E nelas comezou tamén hoxe a Primavera das Letras que a Real Academia Galega lle dedicará a quen elixiu como protagonista do Día das Letras Galegas 2019. A institución presentou o proxecto web que fornece de material lúdico e didáctico arredor da súa vida e obra da man da comunidade educativa de Cotobade. O alumnado do CEIP de Carballedo e do veciño CEIP de Tenorio ofreceron tamén a súa propia visión da traxectoria do intelectual cunha representación ramatizada da súa biografía e un vídeo.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, en primeiro termo xunto ao alumnado que protagonizou a representación teatral sobre a vida de Antonio Fraguas. Fonte: RAG


A directora do CEIP de Tenorio, Ana Porto Magariños, conduciu o acto, que se desenvolveu na biblioteca do CEIP de Carballedo e que foi seguido en directo desde o seu centro de ensino. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a académica Fina Casalderrey foron os encargados de presentar o proxecto e, tras as actuacións do alumnado, Avelino Martínez Cimadevila, sobriño de Antonio Fraguas, pechou a celebración, que contou tamén coa participación do alcalde de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela, e de membros da Fundación Antonio Fraguas.

Primavera das Letras naceu como unha nova porta que a Real Academia Galega abre pensando nos máis novos, nenos e nenas de educación infantil e primaria, e mais nos profesores e profesoras que traballan neste nivel educativo, "semente primeira para coñecer e amar a súa cultura e o seu país", salienta o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. "Arredor da figura que cada ano a Academia elixe para celebrar o Día das Letras Galegas, procuramos elaborar propostas e iniciativas útiles para o ensino e para a dinamización cultural nestes niveis", engade o académico, quen tivo palabras de especial agradecemento para o profesorado. "Somos moi conscientes do seu esforzo, da súa dedicación e do seu talento, que se manifesta na cada vez maior participación de colexios nesta convocatoria", asegura. "Antonio Fraguas vainos permitir viaxar polas raíces da nosa cultura, a cultura popular, tan próxima a nós, en certa medida a memoria dos avós, que fixeron posible que en tempos de devalo a lingua e a cultura de Galicia teña a vitalidade que acadou hoxe. Como ben di o título do proxecto, Primavera das Letras é sobre todo unha primavera: una aposta apaixonada e optimista cara ao futuro", conclúe Víctor F. Freixanes.


Unha alumna caracterizada como Antonio Fraguas nun momento da peza teatral, acompañada dun neno caracterizado como Ramón Otero Pedrayo. Fonte: RAG


Na mesma liña, Fina Casalderrey subliña que, inspirándose en Antonio Fraguas, a que é xa a cuarta edición de Primavera das Letras porá en valor a cultural popular "como fonte da que manan todos os saberes". Para a académica, escritora e mestra, esta é unha das iniciativas da RAG que máis satisfacción lle producen a nivel persoal, "quizais porque me permite seguir en contacto co alumnado e o profesorado, e enchoupármonos de vida, de entusiasmo e de esperanza no futuro da nosa lingua e, como consecuencia, de nós como pobo". "Para que as Mil primaveras de Cunqueiro se cumpran, hai que crear vasos comunicantes entre a Academia e a xente miúda e o profesorado", reflexionou.

A directora do CEIP de Tenorio, Ana Porto Magariños, salientou a importancia que o Ano Antonio Fraguas ten para o municipio. "É un grande acontecemento para o Concello de Cerdedo-Cotobade que, entre tantos ilustres merecedores deste galardón, fose elixido para ser conmemorado no Día das Letras Galegas deste ano 2019 o noso cotobadés don Antonio Fraguas, un neno de Loureiro, un rapaz de aldea, nome do que el se sentía ben honrado. Como di o Himno Galego de Pondal, un dos bos e xenerosos", expresou.

Pechou a celebración, en nome da familia de Antonio Fraguas, Avelino Martínez Cimadevila, que asegurou que a celebración sería moi gratificante para o propio homenaxeado dado o contido e o lugar onde se desenvolveu: na súa terra natal e nun centro escolar, dada a vocación de ensinante do propio Fraguas, quen "non practicaba a actitude impositiva, senón que fomentaba o interese do alumnado na materia". O sobriño do intelectual insistiu tamén no papel do profesorado, xunto co das familias, como transmisores do legado da cultura de noso ás novas xeracións. "Os encargados de manteren a identidade son os mozos, ou os moi novos, como é neste caso. Os alumnos dos colexios de Carballedo e de Tenorio representan o futuro", coincidiu.

Previamente, os nenos e nenas de ambos os colexios implicados protagonizaron a parte central do acto. Fixérono cunha representación kamishibai (teatro de papel) por parte de alumnado de todos os niveis, cun texto redactado nos primeiros cursos de primaria e ilustracións de cativos e cativas de infantil. Pechou a súa quenda a proxección dun vídeo elaborado en 5º e 6º de primaria coa técnica stop motion.


Parte do alumnado do CEIP de Tenorio seguiu o acto en directo desde o seu centro por conexión de vídeo. Fonte: CEIP de Tenorio


Contidos diversos en fichas e actividades interactivas
As propostas de Primavera das Letras profundan en distintos eidos do currículo escolar a través do universo vital e académico de Antonio Fraguas, que dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, mais con especial atención e mestría á antropoloxía. Membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos (SEG) na mocidade, historiador, etnógrafo, director e presidente do Museo do Pobo Galego, profesor depurado polo franquismo e moi apreciado polo alumnado, e membro da Real Academia Galega, foi tamén un narrador oral excepcional. Todas estas facianas aparecerán reflectidas de xeito ameno nos contidos que se irán publicando ata o vindeiro mes de maio en academia.gal/primaveradasletras.

Desde hoxe mesmo xa é posible acceder ás dúas primeiras fichas, un achegamento á biografía do homenaxeado que salienta a súa contribución á dignificación e conservación da cultura popular que tanto estudou. Outras fichas profundarán na súa participación nos principais movementos do galeguismo histórico ou na posta en marcha do Museo do Pobo Galego.

Primavera das Letras ofrece ademais contidos interactivos, desde actividades dedicadas a Cotobade ou Santiago de Compostela, outro espazo fundamental da vida de Antonio Fraguas, a outras sobre as cantigas, a toponimia, as romarías e festas ou de achegamento á antropoloxía, eidos todos eles aos que dedicou numerosos estudos.