De esquerda a dereita e desde arriba, Chus Nogueira, Xosé Luís Axeitos, Xosé Ramón Pena, Miro Villar, Camiño Noia, Fina Casalderrey, Dolores Vilavedra e Ramón Nicolás (por Anxo Cabada)
A mesa de debate do día 13, que se celebrará na Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2 – Vigo) a partir das 19.30 horas, abordará diferentes aspectos sobre as Irmandades da Fala na historia da poesía e a súa contribución á conformación da lírica galega do século XX. O escritor e especialista en historia da literatura Xosé Ramón Pena participará cun relatorio titulado Na procura dunha estética nacional, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Chus Nogueira achegará A poesía do tempo das Irmandades na historiografía literaria galega e o escritor e crítico literario Miro Villar, Gonzalo López Abente, o "poeta do mar", no que afondará na figura do escritor muxián homenaxeado no Día das Letras Galegas de 1971, participante nas Irmandades da Fala desde o inicio deste movemento.
No encontro do día 20, o crítico literario Ramón Nicolás exporá Liñas de sentido da narrativa curta das Irmandades. Algunhas calas, a catedrática da Universidade de Vigo Camiño Noia falará da narrativa oral e costumista na época das Irmandades e a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Dolores Vilavedra profundará nas coleccións de narrativa breve, deténdose no caso de Lar. A mesa de debate celebrarase na sede da RAG (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) a partir das 19.30 horas.
O ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos profunda nas producións literaria, xornalística e editorial galegas desenvolvidas polas Irmandades da Fala, que experimentaron grazas a elas un importante avance, e tamén nas biografías e obras de varios persoeiros que tiveron un papel destacado neste proxecto. O programa, que conta coa colaboración de máis dunha trintena de especialistas, foi inaugurado na Coruña o pasado mes de xuño. Tras pasar por Santiago de Compostela, Pontevedra, Viveiro, Ourense, Ferrol, Lugo e Vigo, será clausurado o 20 de decembro tamén na Coruña, a cidade onde se fundou, o 18 de maio de 1916, a primeira agrupación irmandiña.