A poesía de Manuel María enche a Academia

A voz de Luz Pozo Garza pechou onte á noitiña a primeira das tres xornadas do Simposio Manuel María. A académica participou xunto con cinco poetas máis de distintas xeracións no recital celebrado tras unha tarde na que Darío Xohán Cabana, Rosalía Fernández Rial, Marta Dacosta, Manuel López Foxo e Mercedes Queixas profundaron en distintos aspectos e momentos da produción poética do escritor homenaxeado co Día das Letras Galegas 2016.

Luz Pozo Garza recitou poemas da súa autoría dedicados a Manuel María. Pola esquerda, Marta Dacosta, Rosalía Fernández Rial, Marica Campo, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xulio López Valcárcel xunto á académica no recital que pechou a primeira xornada do Simposio Manuel María. Autor: RAG


"Na Academia pensamos que este simposio, que conta cunha vintena de especialistas, sen dúbida vai incidir nos futuros estudos sobre a súa polifacética obra", salientou o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, na inauguración. O programa, organizado coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Xunta de Galicia, aborda desde o mundo das letras ao activismo cultural e político do homenaxeado, eidos todos eles nos que sempre tivo a defensa da lingua galega como eixe central.

Alonso Montero salientou a "capacidade comunicativa verdadeiramente extraordinaria"Alonso Montero: "Foi fundamentalmente un comunicador, que é quen fai chegar as súas palabras á comunidade. Manuel María é un dos poetas galegos máis presentes na sociedade" que amosaba Manuel María:"Foi fundamentalmente un comunicador, que é quen fai chegar as súas palabras ao común, ao común da xente, á comunidade, a moitas persoas que vibraron no seu momento lendo un dos seus poemas ou cando os oíron cantados". Unha capacidade que deu lugar a que significados compositores interpretasen moitos dos seus versos, converténdoo "nun dos poetas galegos máis presentes na sociedade".

Será Xurxo Souto quen profunde hoxe na relación da súa obra coa música. Ao longo destes días tamén haberá tempo para analizar como axudou á normalización do idioma nas escolas desde os anos setenta, o seu labor como articulista nos medios de comunicación ou a súa obra narrativa ou a teatral, entre outros aspectos, resumiu a académica Margarita Ledo, que tomou a palabra na inauguración en nome do comité organizador das xornadas, no que traballou co secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e a secretaria da AELG, Mercedes Queixas. O simposio pecharase o xoves coa proxección, ás 19.30 horas, do documental sobre o autor asinado por Margarita Ledo, Eu son fala e terra desta miña terra. Na apertura do encontro tamén interveu o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, que definiu a Manuel María como "un dos poetas máis complexos, cultos e completos" da segunda metade do século XX. "Foi o noso mestre, sendo un máis de nós", engadiu en referencia á súa condición de socio de honra da AELG. "O conxunto da súa obra é un verdadeiro Sempre en Galicia poético".


Pola esquerda, Cesáreo Sánchez Iglesias, Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Xesús Alonso Montero e Mercedes Queixas na inauguración do Simposio Manuel María. Autor: RAG


Conferencia inaugural de Darío Xohán Cabana
Darío Xohán Cabana, amigo persoal de Manuel María, foi o encargado de pronunciar a conferencia inaugural, dedicada á poesía dos primeiros anos, en concreto a recollida en Muiñeiro de brétemas, Morrendo a cada intre e Advento. En 1950 saíu do prelo o primeiro libro de poemas de Manuel María, Muiñeiro de brétemas. Tiña só 19 anos e convertíase no primeiro mozo que publicaba un libro en galego no franquismo. Pero a excepcionalidade desta obra non fica aí: a xuízo do académico, con ela empezan "eses dous anos fulgurantes" que culminan con Advento, escrito no inverno de 1950 a 1951 e publicado por primeira vez en 1954 en Buenos Aires, e que é para o académico "un deses libros que se impoñen na súa totalidade como obxectos poéticos perfectos", superando os seus propios mestres.

Darío Xohán Cabana considera que non é ousado dicir que o impacto da poesía da paisaxe de Aquilinio Iglesia Alvariño tivera que ver coa decisión de Manuel María de escribir Muiñeiro de brétemas, aínda que o tratamento é bastante diferente.Para Darío Xohán Cabana con 'Muiñeiro de brétemas' empezan dous anos fulgurantes que culminan con 'Advento', "un deses libros que se impoñen na súa totalidade como obxectos poéticos perfectos" Neste libro aprecia tamén "unha pegada ben visible do chamado imaxinismo de Amado Carballo", e considera que algún poema "ao mellor se podería relacionar con Manuel Antonio". "Pero sobre todo hai unha retórica de estirpe máis ben surrealista e unha imaxinería onírica que en Cómaros verdes non se dá", engade comparándoo coa obra de Iglesia Alvariño. O maior interese desta primeira obra, citada sempre como iniciadora da Escola da Tebra, radica na "novidade precursora que representou", mentres que o seu segundo libro de poemas, Morrendo a cada intre, publicado en 1952, está "nun chanzo moi superior" e exerceu xa "unha considerable influencia na poesía daquela década, polo menos como exemplo de ruptura".

O académico rexeita que Morrendo a cada intre, malia o seu carácter singular dentro do corpo da poesía galega da época, sexa alleo a calquera tendencia ou corrente do momento, como se ten sostido, e sinálao como un bo exemplo da importancia que tiveron nos comezos de Manuel María as lecturas de Rafael Alberti e Dámaso Alonso. "Unha simple lectura superficial de Sobre los ángeles fainos pensar irremediablemente que cando o Manuel María escribiu Morrendo a cada intre as técnicas versais e a retórica surrealista de Alberti algo podían ter que ver na súa escrita. E se cadra foi máis grande aínda o impacto de Hijos de la ira de Dámaso Alonso", detallou en referencia a unha obra que representou "unha auténtica conmoción" entre os poetas inclinados cara a "algún tipo de rebeldía" na España da ditadura.

A relación, de novo, con Aquilino Iglesia Alvariño, pero tamén con Álvaro Cunqueiro ou Luís Pimentel déixase notar en distintas partes de Advento, unha obra na que alén das influencias hai moito máis, "o xenio propio de Manuel María", que con só vinte e un anos "é superior a algúns dos seus mestres". "Advento é mellor ca Hijos de la ira, e non só porque nel estea 'Responso desesperado', que eu teño por un dos mellores poemas que lin na miña vida en calquera lingua, e outra ducia de poemas igualmente excelsos. É un deses libros que se impoñen na súa totalidade como obxectos poéticos perfectos", concluíu.

Mesa de debate
Sobre o primeiro Manuel María falou tamén Rosalía Fernández Rial na intervención Travesía até Mar Maior: contexto literario e biográfico do primeiro Manuel María, na que percorreu os sete libros de poemas principais que este publicou ata os primeiros anos sesenta. A poeta achegou unha experiencia persoal como lectora que empezou, como para tantas persoas da súa xeración, primeiro como oínte do disco gravado a partir dos versos de Os soños na gaiola, que popularizou enormemente a poesía infantil de Manuel María a partir dos anos setenta. Ademais dos libros xa mencionados, Rial navegou sobre o "barco de xoguete do oficio filolóxico e literario" por Morrendo a cada intre (1952), Terra Chá (1954), Documentos persoais (1958), Libro de pregos (1962) e Mar Maior (1963). A poeta teceu o compoñente biográfico de Manuel María con estas obras e con algún escritores implícita ou explicitamente referenciais nos versos do "bardo" de Outeiro de Rei.

Rial sentou na mesa de debate moderada por Mercedes Queixas na que tamén participaron Marta Dacosta e Manuel López Foxo. Este último foi o encargado de profundar noutro momento vital do homenaxeado co relatorio A poesía última de Manuel María. Os libros que abren o seu canto final, partindo da súa produción durante os anos setenta do século pasado. López Foxo reivindicou esta etapa poética do homenaxeado, coa que contribuíu "ao cambio de rumbo que se produce na poesía galega nese momento e á renovación do seu propio discurso poético". "Esta nova linguaxe poética aflora xa no libro Laio e clamor pola Bretaña, redactado en 1972, continúa e colle corpo n'O libro das baladas, escrito en 1973, maniféstase tamén nas formas rupturistas da súa poesía máis militante (Cantos rodados para alleados e colonizados e Poemas para construír unha patria), e dá un paso xigante nos Poemas ao Outono, que van nacendo e renacendo entre outubro de 1975 e mediados de 1976, vinte sonetos que abren definitivamente a última etapa creativa do poeta, o seu canto final, un corpus lírico que aínda dentro dese período anterior á eclosión da poesía dos oitenta nos ofrece libros tan espléndidos como Cecais hai unha luz, escrito a mediados de 1979, e Poemas da labarada estremecida, elaborado en 1980", repasou López Foxo.

Pola súa banda, Dacosta achegou Fixando a emoción, título que colle prestado o nome dun verso do escritor para referirse a unha das cuestións fundamentais na creación manuelmariana. "Neste poema lemos cales son algunhas das cuestión esenciais no proceso de creación literaria para o poeta: fixar a emoción da realidade vivida para llela transmitir ás xeracións futuras. Deste xeito concreta o seu concepto de comunicación, que é para el a función fulcral do texto poético. Fixar a emoción nun proceso en que a poesía é desveladora da verdade e creadora da realidade. Partindo desta concepción, vai ter como tema central da súa obra a propia Galiza. A terra, a natureza, o pobo e a súa lingua son realizacións dese tema constantes na súa obra, máis alá de asignacións a correntes literarias e dando lugar a un corpus literario que segue a cumprir hoxe a función comunicativa que o seu autor quixo imprimirlle no momento da súa escrita", resumiu Dacosta.


O público durante un momento do recital. Autor: RAG


Recital
A primeira xornada do Simposio Manuel María rematou cun recital interxeracional no que a académica Luz Pozo Garza deu lectura a dous poemas que lle dedicou ao homenaxeado. Os demais participantes, Marica Campo, Marta Dacosta, Rosalía Fernández Rial, Xulio López Valcárcel e Cesáreo Sánchez Iglesias, puxéronlles voz a versos do propio poeta, desde os da primeira época aos da poesía social, da infantil e dos derradeiros anos.


Os participantes no recital posan xunto a Saleta Goy, viúva de Manuel María e presidenta da fundación que leva o seu nome. Autor: RAG