A pegada rosaliana en Florencio Delgado Gurriarán

O Día de Rosalía celébrase neste 2022 por primeira vez o 23 de febreiro, tras ver a luz a investigación que demostra que a autora fundacional da literatura galega contemporánea naceu un día antes do que se daba por feito ata hai pouco. A efeméride cadra coa celebración das Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán, un autor no que a pegada rosaliana arrinca nas lecturas xuvenís e chega ata o tratamento poético da saudade.

En 1963 a Real Academia Galega celebrou o primeiro Día das Letras Galegas, dedicado a Rosalía, co gallo do centenario da publicación de Cantares Gallegos. Para celebrar eses cen anos, Florencio Delgado Gurriarán escribiu “Resposta a Rosalía”, un poema recollido en Galicia infinda no que establece un diálogo coa escritora, onde glosa os seus versos Eu cantar, cantar, cantei / a grasia non era moita... Pero a conexión entre o poeta valdeorrés e Rosalía vai máis alá desta homenaxe, salienta Miro Villar, autor de Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano (Xerais, 2022).“Rosalía de Castro é moi importante na obra de Florencio Delgado Gurriarán”, resume o escritor e crítico literario.

O protagonista do vindeiro 17 de maio tivo moi presente a Rosalía dende as súas lecturas temperás, como demostra a investigación que fixo do seu arquivo persoal o historiador Ricardo Gurriarán. Xa como poeta, a autora é citada por Delgado Gurriarán en distintos momentos. “Nos poemas que fai no tempo da guerra civil, publicados nas revistas antifranquistas, hai versos que mencionan a Rosalía, xunto a outros poetas, como unha voz de combate, de resistencia fronte ao franquismo”, explica Miro Villar.

Rosalía de Castro tamén é mencionada por Florencio Delgado Gurriarán na autopoética que lle remitiu a Xosé Filgueira Valverde no ano 1936 para a súa fanada Antoloxía consultada, editada moito tempo despois, no ano 2008, por Xesús Alonso Montero e Ana Acuña; e dúas décadas despois volve aparecer na autopoética incluída na Escolma de Poesía Galega IV. Os contemporáneos (1955) de Fernández del Riego. “Nas dúas autopoéticas, Florencio Delgado Gurriarán cita a Rosalía entre os seus poetas de cabeceira, polo tanto hai aí xa unha débeda confesa coa súa obra. Na primeira, cando é aínda un poeta novo, cita poucos nomes, pero na segunda, cando xa é máis maduro en todos os sentidos, cita a moitos poetas, e aí é se cadra máis importante que mencione a Rosalía xunto a outros poetas europeos. A lectura primixenia que fixo da súa obra foi permanecendo no tempo como unha referencia”, destaca Villar.

Alén das mencións expresas, a obra de Florencio Delgado Gurriarán nútrese de recursos moi presentes na produción rosaliana. “A visión que el dá da saudade emparenta con aspectos que xa tratou Rosalía de Castro. Outro punto en común é a querenza pola literatura popular, que xa está en Rosalía dende Cantares gallegos, ou incluso a reivindicación do pobo e da lingua máis próxima. Rosalía facíao coa lingua da zona entre Padrón e Santiago de Compostela, que foi onde pasou a infancia; e el faino coa lingua de Valdeorras”, conclúe o crítico literario.