O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, inaugurou a xornada canda a académica correspondente Luz Méndez, coordinadora do programa, e a deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega, e mais o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, en representación das institucións que colaboran desde o ano 2016 na celebración desta cita anual do Seminario de Onomástica da Academia.
A onomástica literaria é unha rama da onomástica que se basea principalmente no uso simbólico que os nomes propios de persoa ou lugar teñen na creación literaria e na súa función estilística, explica Luz Méndez. O programa de hoxe profunda nesta rama, “ben traballada no ámbito anglosaxón pero pouco explorada no galego e tamén nos sistemas máis próximos ao noso, nomeadamente portugués e castelán”, contextualiza. A VII Xornada de Onomástica Galega pre-tende así ser unha primeira achega ao estudo dos nomes propios desde esta perspectiva e abrir novas vías de investigación, “tanto desde o aspecto do conti-do, a relevancia e o valor dun nome en canto que se lle aplica a un personaxe e a un lugar; coma da forma, o efecto estético ou a sonoridade, máis evidentes na poesía, por exemplo”, detalla a filóloga.
Tras a inauguración, Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, abriu a quenda de relatorios da mañá, dispoñibles nesta ligazón, cunha achega sobre a onomástica na obra rosaliana. Ao longo da xornada, o público tamén escoitou a María Xesús Nogueira (Universidade de Santiago), que falou sobre toponimia e ecopoesía; o académico correspondente Antón Palacio, que afondou nos nomes artúricos; Bieito Arias Freixedo (Universidade de Vigo), cunha ollada á lírica trobadoresca; Helena de Carlos (USC), que profundou na etimoloxía e na alegoría nas lendas troianas; e Marga do Val (IES Rosalía de Castro), que expuxo a súa experiencia co uso da onomástica como elemento de identidade desde a perspectiva didáctica.
A sesión da tarde, dispoñible nestoutra ligazón, continuou con Berta Dávila, Marcos Calveiro e Fina Casalderrey conversando con Marilar Aleixandre sobre a escolla dos nomes dos protagonistas das súas novelas. Xosé María Álvarez Cáccamo púxolle o ramo á xornada co seu "Cántico dos poemas esdrúxulos", acompañado polas músicas Magdalena Gamallo e Iria Iglesias. A composición converte en poesía os preto de 140 nomes esdrúxulos de entidades de poboación recollidos no Nomenclátor de Galicia.
Das paisaxes nomeadas da obra rosaliana ás “Rosas” protagonistas
O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, foi o encargado de profundar na grande autora do Rexurdimento dende a temática da xornada. “O estudo da onomástica en Rosalía axuda a entender varias das dúas estratexias como escritora e varios perfís tamén dos seus fundamentos literarios e ideolóxicos, desde o título das súas obras. Na toponimia destaca sempre o emprego sintomático de Galicia, desde prólogo de Cantares gallegos, o emprego da toponimia local, tanto da Terra de Iria como de Compostela, e a creación dunha nova cartografía relacional, social e política, no XIX”, resume profesor da Universidade de Vigo.
As cuestións de tipo onomástico están moi relacionadas con Rosalía desde o seu propio nome, salienta en referencia á “polémica histórica” entre os defensores de designar a autora como Rosalía de Castro e os partidarios da forma Rosalía Castro. Canto aos nomes propios da súa obra, Marica, Manuela, Xuana, Xaquín, Antón ou Bras son algúns dos antropónimos que poboan o mundo rosaliano seguindo a tendencia diferencialista e popularizante que se impuxo na literatura galega desde o Entremés (1707) de Salvador Francisco Roel.
Pero o que máis veces se rexistra na obra de Rosalía de Castro, o de Rosa, apunta a outras lóxicas como a feminista nunha autora que lles dá especial importancia aos nomes de muller, sen dúbida polo papel protagonista, literario, social e político que lles concede ás mulleres. Rosa, como a propia Rosalía foi chamada familiarmente, é a muller de “Nasín cando as prantas nasen”, a nai aleitadora de “Ora, meu meniño, ora”, a “Queridiña dos meus ollos”, e Rosas son varias das “viúvas de vivos e mortos que ninguén consolará”, enumera o investigador e poeta. O nome coincide ademais co da flor que máis citou, con diferenza, como indican n’O herbario de Rosalía a académica correspondente María López Sández, Mabel Fraga e Miguel Fraga, lembra Anxo Angueira.
Canto aos nomes de lugar, a importancia na vida de Rosalía de Compostela e Iria, Santiago e Padrón, deixa tamén unha fonda pegada na súa literatura. “Hai nestes dous espazos capitais cadansúa inmersión, cadanseu paseo lírico que se acompaña dunha onomástica moi expresiva”, valora. Belvís, Vidán ou Conxo son algúns dos topónimos evocadores dunha Compostela que en Rosalía non é só monumental. E seguindo o curso do río que lle deu nome ao poemario En las orillas de Sar, a autora sitúa o seu universo lírico en espazos como Arretén, as brañas de Laíño ou Lestrobe.
Anxo Angueira analiza tamén as toponimias da emigración presentes na obra rosaliana, desde Castela ou Cádiz, no caso da peninsular, ata as que atinxen ao éxodo transoceánico, comezando polo Carril como referencia de partida ata chegar á Habana ou o Brasil.
Ecopoesía: nomes do territorio dos encoros ao ‘Prestige’
A frecuencia dos topónimos é extremadamente significativa nas composicións de temática ecolóxica etiquetables baixo o termo emerxente ecopoesía. “A análise da (micro)toponimia representada nestes textos, especialmente nos que teñen como tema a defensa de espazos agredidos, revela unha serie de estratexias asociadas ao reforzo da identidade, a resistencia e a ecoloxía dos nomes”, salienta María Xesús Nogueira. A crítica pon o foco na crecente tradición de textos xurdidos no contexto de mobilizacións contra agresións ao medios natural e catástrofes ecolóxicas, como o ciclo de composicións sobre a construción de encoros, que arrinca nos anos 60 do século pasado e chega á actualidade; ou a que denomina poesía do Prestige.
Un dos primeiros textos difundidos deste tipo, lembra a filóloga, é o “Romance de Castrelo de Miño”, de Albino Núñez Domínguez, que circulou clandestinamente por Galicia e que foi publicado en 1966 en Buenos Aires. A composición, de ton popular e considerada durante tempo anónima, comeza cunha enumeración de topónimos de localidades ameazadas polo asolagamento provocado pola presa ourensá, como San Paio de Ventosela ou Trasariz.
A técnica enumerativa repítese noutras composicións posteriores cheas de “nomes feridos”, como o “Autocollage para un mar de piche”, de Fran Alonso; o poema “Nunca máis”, de X. C. Gómez Alfaro; ou “Os nomes e as voces”, de Marilar Aleixandre, versos todos eles relacionados co accidente do Prestige e exemplos dunha literatura que reacciona ante a degradación do medio natural derivada da acción humana.
De Teucro aos alcumes na lírica profana medieval
A onomástica na poesía profana galego-portuguesa é outro dos temas que será obxecto de análise na VII Xornada de Onomástica Galega. O profesor da Universidade de Vigo Xosé Bieito Arias demostrará “o importante papel” dos nomes propios nesta lírica medieval, que atinxe desde a identificación autorial á edición crítica e á interpretación das cantigas, e referirase ademais á funcionalidade poética dos nomes. Entre outros aspectos, referiuse ao valor dos alcumes nas cantigas de escarnio e maldizer, con exemplos como os versos do trobador Lopo Lias dedicados a unha familia de fidalgos da terra de Lemos que andaban moi mal arranxados. “O alcume zevroes atribuído a eses cabaleiros non pode ser máis acertado, porque os fidalgos eran á nobreza o que os zebros ou cabalos bravos que andan e dormen no monte serían a un cabalo alazán ben coidado”, explica.
A profesora Helena de Carlos detívose noutra manifestación literaria do medievo, a chamada materia de Troia, unha das grandes tramas narrativas da Europa Occidental que ten como orixe última a Grecia arcaica. Nas letras galegas, estas lendas quedaron recollida nunha obra fundamental, a Crónica troiana, unha destacadísima fonte de onomástica literaria. A filóloga suxire que unha certa abundancia de lendas que poñen en relación retornos de heroes da guerra de Troia a lugares da Gallaecia, como é o caso de Teucro, podería estar relacionada coa xeografía galega e a súa condición de extremo último, de Occidente, “de paraxes que se debruzan no océano, lugares relacionados coa morte, en suma”.
Como elixir os nomes dos personaxes dunha novela?
A elección dos nomes dos personaxes de ficción na literatura contemporánea foi o eixe da mesa redonda que reunirá pola tarde a Berta Dávila, Marcos Calveiro e Fina Casalderrey en conversa coa directora da Sección de Literatura da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre.
Para Marcos Calveiro, a escolla do nome semella marcar o rumbo da singradura do personaxe. “Obsesióname o mítico comezo de Moby Dick, aquel Call me Ishmael, ou o de Memorias dun neno labrego, Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen dis, un ninguén. Aí penso que está o celme de todo, no nome do protagonista, nese interpelación directa ao lector”, confesa o narrador.
Non hai dúbida, comparte Fina Casalderrey, que os nomes importan. “Na vida real e, como consecuencia, na literatura”, relaciona a académica de número, que chama tamén a atención sobre os nomes elixidos polos escritores e as escritoras para se presentar ao mundo, a miúdo con certas variacións dos verdadeiros ou mesmo con antropónimos radicalmente diferentes. Canto aos personaxes das súa novelas, na maioría dos libros a autora pontevedresa busca que sexan cribles e que outorguen verosimilitude, aínda que en certas ocasións, en función da historia, teñen unha maior significación.
Berta Dávila confesa que procura nomes que non sexan singulares, “que non estorben na lectura despregando un abano de connotacións curiosas ou raras”. “É unha elección que está en toda a miña narrativa de adultos coa intención de evitar no posible que as árbores non deixen ver o bosque”, engade. Xusto o oposto do que acontece na súa primeira novela infantil, Demetrio Demoscopio perdeu a chispa, onde os antropónimos teñen a vontade de ser humorísticos ou non pasar desapercibidos.