O autor estará acompañado polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Onomástica da Academia, Ramón Lorenzo; a presidenta da Asociación Galega de Onomástica (AGOn) e académica correspondente, Ana Boullón; o alcalde de Ames, José Miñones; e a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero.
As tres entidades, RAG, AGOn e Concello, colaboran nesta edición, que foi posible tamén grazas á colaboración de informantes que acompañaron e axudaron a Xosé Ramón López Boullón a coñecer mellor o territorio de Ames. O filólogo, que formou parte no seu día do Proxecto Toponimia de Galicia, ten ademais vínculos afectivos con esta terra. Aínda que naceu en Compostela, el mesmo viviu neste concello dez anos.
O volume explica, entre outras moitas cuestións, que malia seren formalmente semellantes os topónimos Ames e A Maía proceden de étimos diferentes, nunha introdución que é un percorrido pola historia destas terras a través dos topónimos, algúns deles de orixe prerromana. Este podería ser o caso, segundo unha das hipóteses manexadas, da parroquia de Agrón, topónimo único en Galicia e que non ten relación con agro malia a aparencia, sinala o autor.