Manuel Antonio. Obra completa. Prosa é o título da monografía que inaugura a colección "Clásicos da Academia", coa que a Real Academia Galega, en colaboración coa Fundación Barrié, pretende contribuír a paliar a ausencia de edicións críticas completas da obra dos nosos autores máis representativos, así como da súas publicacións aínda inéditas ou menos coñecidas.
Con este primeiro volume procúrase definir a liña editorial desta colección, que estará marcada, segundo o director xeral da Fundación Barrié, Javier López Martínez, "pola conxunción do rigor científico e o afán divulgativo". A este volume seguirán outros catro: o segundo e o terceiro recollerán o extenso epistolario do autor rianxeiro; o cuarto albergará a súa produción poética completa e o quinto dedicarase a describir a biografía de Manuel Antonio.
A colección, que terá carácter anual, achéganos, neste primeiro libro dedicado a Manuel Antonio, toda a produción en prosa -ficción, ensaio ou traducións- do literato que mellor soubo "certificar a compatibilidade entre modernidade e nacionalismo", segundo expón no seu limiar Xosé Luís Axeitos Agrelo, secretario da Academia e editor da obra. Axeitos Agrelo expresou tamén a súa gratitude á Fundación Barrié por poñer á súa disposición todo o legado que atesoura dun poeta "que se moveu sempre nos límites e con afán de conquista".