"A obra de Manuel María necesita unha análise máis profunda para entresacar dela todos os valores que ten"

Manuel Veiga Taboada coñeceu a Manuel María na libraría que o poeta e a súa dona abriran en Monforte de Lemos. Tiña dezasete anos e xunto a el aprendeu o que era a literatura galega nuns tempos nos que non se ensinaba nos centros educativos, lembra no "Cuestionario Manuel María". O escritor e xornalista reivindica a "sinceridade, moi valiosa e pouco frecuente" da poesía do autor homenaxeado co Día das Letras Galegas de 2016, que ao seu xuízo sofre unha "politización excesiva" que impide unha análise máis xusta e equilibrada do seu valor literario.
Manuel Veiga Taboada
Manuel Veiga Taboada. Foto: Antonio Gutiérrez


O xornalista e escritor monfortino Manuel Veiga é autor de Manuel María, buscando un país, unha "interpretación sintética" da vida e da obra do poeta chairego; e coautor de Manuel María. Vida, versos e rebeldía, destinado ao público máis novo e publicado tamén en Xerais.

Que características pensa que definen a obra de Manuel María?
A transparencia, a paixón, o afán por comunicar e a firmeza na defensa de tres ou catro ideas que para el sempre foron fundamentais. Estas características proveñen do seu carácter e da época en que viviu.

Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
Penso que o mellor da súa obra poética hai que buscalo en tres ámbitos. Primeiro, nas reflexións que fai sobre si mesmo, e que mostran unha persoa que está sempre loitando por non verse afogada por un ambiente social que non lle gusta. Segundo, nos poemas de amor á súa muller, Saleta. E terceiro, no que atinxe á súa casa natal. Creo que, por diversos motivos, sempre botou de menos ese ambiente familiar e as súas referencias.

Que pegada coida que deixou na cultura galega?
Esa pegada estase formando aínda e dependerá do que se estude, a partir de agora, a súa obra. Polo momento, a súa influencia vén demasiado marcada por dous factores extraliterarios opostos e relacionados. Por unha parte, están aquelas persoas que, no fondo, valoran pouco máis que a súa posíbel utilidade política e, por outra, os que rexeitando esta idea, ignoran, infravaloran ou analizan de forma nesgada a súa obra. En resumo, a súa figura como escritor sofre hoxe unha politización excesiva, o que impide, a un lado e outro, unha análise máis xusta e equilibrada dos seus valores literarios.

Que vixencia conserva a súa creación?
Como xa indico, necesita unha análise máis profunda e extensa, para entresacar dela todos os valores que ten e que son e serán válidos no futuro. Creo que hai unha autenticidade, unha sinceridade, moi valiosa e pouco frecuente nos seus versos que, en determinados casos, conseguen acadar un importante valor estético. Tamén posúe unha singular e pouco común voz de autor que o distingue sempre.

Como descubriu vostede a Manuel María? Que recordo garda daquela descuberta e que supuxo para vostede?
Aos dezasete anos, visitando a súa libraría. A partir de aí, abriuse unha relación que durou vinte anos, até que se trasladou de Monforte para A Coruña. El deume a coñecer, sobre todo, a literatura galega, que daquela non se estudaba no ensino. Foi para min, a este respecto, un guía preciso, certeiro e discreto. Por suposto, a súa influencia, co tempo, estendeuse moito máis alá diso.

Cal é a súa obra ou o seu poema favorito de Manuel María? Por que?
Penso que Manuel María non ten un poema que destaque claramente sobre os demais. Habería que falar de vinte ou trinta poemas. É posíbel, en cambio, destacar cinco ou seis libros. Vou citar os que son para min quizais os dous máis importantes: Ritual para unha tribo capital de concello e Sonetos á Casa de Hortas. Creo que a súa obra ten dúas etapas de vinte anos. A maior concentración de calidade habería que buscala na segunda. Sobre todo, porque é cando domina mellor o oficio.