Que características pensa que definen a obra de Manuel María?
A obra de Manuel María, igual que a obra de todos os grandes poetas, ten a virtude de dar testemuño da humanidade do tempo que lles tocou vivir. Son verdadeiros legados históricos da sociedade do seu tempo con todas as súas paixóns, as súas penas e alegrías, con todas as súas contradicións, o que nos permite achegármonos aos que nos precederon desde unha dimensión diferente, desde unha visión poética pero tamén crítica da realidade. E máis no caso de Manuel María, comprometido desde sempre co seu pobo, co seu país, e especialmente coa problemática das clases populares, que conta e canta cunha maravillosa sensibilidade e sentido crítico.
Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
Para min son as relacionadas co seu compromiso coa normalización da nosa lingua. A súa obra é un verdadeiro tratado de socioligüística. É unha constante a autoafirmación do galego como lingua de expresión normalizada tanto na súa práctica vital como na súa obra. Hai obras que foron para min moi importantes por diferentes motivos. En primeiro lugar, as obras que escribiu para nenos e nenas: Os soños na gaiola, As rúas do vento ceibe ou Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Brenguela. Eramos moitos os ensinantes que andabamos á procura de material escrito para o ensino en galego e a aparición destas obras, especialmente a primeira, foi todo un agasallo que se complementou cando foi musicada por Suso Vaamonde. Unha verdadeira xoia para o ensino naquel tempo.
Outra obra moi importante para min é Terra Chá, verdadeiro tratado etnográfico da súa terra. Paisaxismo humanista que nos mete de cheo no máis profundo deste territorio e das súas xentes: a terra, as romaxes, a xente, os animais, os labores do campo, os paxaros, as cousas, as árbores, o tempo, todo respira amor á terra e ás súas xentes. Toda a Terra Chá se converte nun extraordinario suxeito poético.
Que pegada coida que deixou na cultura galega?
É unha obviedade dicir que Manuel non se entende sen Galiza, pero eu penso que a Galiza de hoxe tampouco se entende sen Manuel María. Xa sei que isto se pode aplicar a outros dos nosos grandes poetas pero, polo tempo que lle tocou vivir, a obra de Manuel María é fundamental para coñecérmonos mellor onte e hoxe. Desde Muiñeiro de brétemas (1950) até a súa morte, a súa obra é inmensa en extensión e contido, na forma e no fondo: neotrovadorismo, paisaxismo, existencialismo, poesía intimista, poesía de combate e compromiso político. Todo o suceso do seu tempo vital ten cabida na súa obra.
Que vixencia conserva a súa creación?
"A obra de Manuel María, que vive no compromiso social e político, está de plena actualidade"A obra de Manuel María, como a de calquera gran poeta, terá sempre vixencia. Pero eu penso que a obra de Manuel, que vive no compromiso social e político, ten maior vixencia aínda. A problemática do galego como lingua minorizada, a situación da miseria e explotación dos máis débiles, a insolidariedade das clases dominantes, a situación de dependencia de Galiza, as contradicións do actual sistema político e económico, todo isto e moito máis que recolle a obra de Manuel María está de plena actualidade.
Como descubriu vostede a Manuel María? Que recordo garda daquela descuberta e que supuxo para vostede?
O meu contacto coa obra de Manuel María foi cando me incorporei ao ensino. Como xa dixen con anterioridade, a procura de materiais escritos para o ensino en galego levoume á poesía de Manuel María e á súa obra de teatro Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, que representamos unha e mil veces. Foi todo un descubrimento que se acentuou a través das Xornadas do Ensino, nas que tiven a sorte de poder asistir ás súas conferencias e os seus seminarios.
O que máis me impactou sempre de Manuel María foi o seu profundo coñecemento de Galiza e a súa enorme xenerosidade, sempre disposto a acudir a onde o chamaran para calquera acto político ou cultural. Acompañalo a unha visita a Compostela, pola Coruña ou noutro lugar calquera, era ir descubrindo algo novo a cada paso que ademais contaba cunha clara e fundamentada explicación.
Cando veu vivir á Coruña, ao barrio de Monte Alto, a súa colaboración coa biblioteca veciñal e coa asociación de veciños, da que se fixo socio xunto con Saleta, foi intensa e constante, o que resulta un enorme exemplo de humildade e compromiso con todo o que achegara algo, por pouco que fose, na defensa do noso país, da súa lingua, da súa cultura, da súa identidade.
Cal é a súa obra ou o seu poema favorito de Manuel María? Por que?
Resulta moi difícil escoller como favorito un poema da Manuel María pero voume inclinar por "Canción para cantar todos os días ", de Cancións do lusco ao fusco (1970). A razón desta escolla é polo tema que trata, e como o trata, pois entendo que está de plena actualidade.