A nai de todas as meigas: de Rosalía de Castro a Begoña Caamaño

Co gallo do Día de Rosalía destas Letras Galegas 2026, volvemos ao poema de Follas novas que ten a figura da meiga como protagonista. “Como logo faría Begoña Caamaño en Circe ou o pracer do azul (2009), Rosalía revisita nestes versos un dos arquetipos da tradición misóxina en clave feminista, desmontando a construción patriarcal que se fixo da figura da bruxa”, sinala a académica María López-Sández.

Rosalía de Castro de nova. Fonte: Arquivo da Real Academia Galega

A composición en cuestión, “Xigantescos olmos, mirtos”, arrinca cunha descrición detallada da natureza que rodea o lugar onde habita a que Rosalía chama “a nai de todas as meigas”. En certo modo outórgalle un illamento que recorda a insularidade de Eea, o fogar da feiticeira Circe na Odisea, compara a especialista en literatura. Deseguido a autora fundacional da nosa literatura contemporánea retrata a morada da meiga como un lugar desacougante (nunha casa inda máis triste, / [...] en cada ventana reixa, / [...] criados que non dan fala, / cans que morden como feras), construíndo unha atmosfera acorde coa visión da bruxa como ser que se ha de temer e causante de males que tamén reproduce (Alí viron negra e fraca / como unha gata famenta), para resaltar deste xeito o xiro final da historia nuns versos de peche cheos de crítica social: I estes mals que nos afrixen / din que todos veñen dela... / ¡Mais socedes nesta vida / que os que tén culpa n'a levan!

A tradición tamén foi cargando culpas na personaxe de Circe e de moitas outras bruxas ao longo da historia. A gobernadora da illa de Eea, habitada só por mulleres, tiña sona de converter os homes en animais, porcos no caso dos compañeiros de Ulises, quen sería, desde esa mesma ollada, vítima da sedución da filla de Helios e Persei. Pero Begoña Caamaño escribe a súa primeira novela partindo dunha pregunta que a inquietaba: e se o que nos contou Homero non é certo? E, coma Rosalía, fainos ver que a realidade non é como nola transmitiron dándolles voz a dúas personaxes femininas secundarias e silenciadas.

En Circe ou o pracer do azul a figura principal non é Ulises. Escóitase a Penélope, a abnegada a paciente esposa de Odiseo, e a temida Circe. Dúas mulleres condenadas na tradición a seren rivais convértense en amigas íntimas nunha relación epistolar na que comparten confidencias, temores e desexos. Carta a carta, queda claro que o gran pecado de Circe é vivir en liberdade, sen se someter aos mandatos que a sociedade sempre lles reservou ás mulleres.

O da bruxa, reflexiona López-Sández, ben podería ser un quinto arquetipo da construción da muller na literatura universal que sumar aos das Nais, damas, prostitutas e feirantas (1995) que identificou a profesora Carmen Blanco no acertado estudo homónimo da narrativa e da poesía de seis autores da Xeración Nós á do 36. Entre eles, Álvaro Cunqueiro, autor de Merlín e familia, ao que Begoña Caamaño lle rendeu homenaxe na súa segunda novela, Morgana en Esmelle (2012). De novo, a escritora viguesa escolleu nesta ocasión como protagonista unha muller que as sucesivas reinterpretacións foron mudando nunha especie de “gata famenta”. Mais no relato que vai tecendo desde distintos puntos de vista, Begoña Caamaño preséntanola como outra muller dona de si. Outra filla da nai de todas as meigas. 

Xigantescos olmos, mirtos
que brancas frores ostentan,
unhas con cogollos inda,
outras que o vento esfollea;
buxos que xa contan sigros
e que xuntos verdeguean
formando de rama e troncos
valos que naide atravesa,
e nos que moi descansadas
fan o seu niño as culebras;
loureiros irmáns dos buxos
pola altura i a nacenza,
pois arraigaron a un tempo
no máis profundo da terra;
limoeiros e laranxos
qu'o verde musgo sombrean
i olido esparcen d'azare
con que a xente se recrea;
eternos bosques en donde
sombrío misterio reina,
onde só os paxaros cruzan
polas tristes alamedas
onde ó marmular as fontes
un coidara que se queixan,
i ond'o mesmo sol do estío
melancólico penetra;
i en medio desta espesura
e desta hermosa tristeza,
nunha casa inda máis triste,
si de fachada soberba,
alí din que ten o niño
a nai de tódalas meigas:
casa con portas de cedro,
en cada ventana reixa,
cociña coma de monxes,
silencio coma d'igrexa,
criados que non dan fala,
cans que morden como feras.
Alí a viron negra e fraca
com'unha gata famenta,
no máis san e máis frorido
da hermosa terra gallega.
I estes mals que nos afrixen
din que todos veñen dela...
¡Mais socede nesta vida
que os que tén culpa n'a levan!

Rosalía de Castro

Follas novas