'A moza que fai frores', de Filgueira Valverde

En 1971, a Editorial Galaxia publicaba un libro de contos de Xosé Filgueira Valverde ilustrado con debuxos de Castelao titulado Quintana viva.
Un dos debuxos de Castelao que ilustra o libro.
Un dos debuxos de Castelao que ilustra o libro.


No limiar do libro, Filgueira Valverde escribe o seguinte: "Recóllese neste libriño un feixe de follas das que fun escribindo de medio século de laboría nos eidos, hoxe vizosos, das nosas letras. Son pequenas refendas, en prosa poética, encetadas cos Nenos, narracións do feitío que Castelao soupo axiña soerguer coma ninguén e nomear pra semprecousas".

A moza que fai frores
Ela é a rapariga macia que fai frores e lee novelas. Frores azules con manzanciñas moradas, frores verdes entre follas vermellas, frores mouras entre follas rosas. Novelas con homes de capa en rúas estreitas, novelas con señores de chisteira en ricos estrados, novelas con mozos de blusa en casas probes. Esta é a rapariga que fai bordados con volvoretas i estrelas, a que sabe fiar mazarocas de contos e argallar trécolas, a que escarabella nas lembranzas e gabea polos sonos.

Onde ela está, bule como un rodicio a devandoira das conversas e trema, a estrelecer, o maxín das mozas. Por eso dín que ten os miolos como un mundo de azougue, onde andan con figuras estranas todas as cousas.

Cando remate os libros do difunto avogado, encetará os do crego, cando remate os do crego, escomenzará a súa novela. Namorarse dun estudante que pasa en Castromil. Irá vivir a Santiago…

(Un bo día os alumnos de disección farán unha preparación de miocardio falando do Celta e do Deportivo).