A ministra de Vivenda e Axenda Urbana visita as obras de rehabilitación da sede da RAG

O presidente da Real Academia Galega visitou este mediodía as obras de rehabilitación da sede da institución acompañado pola ministra de Vivenda e Axenda Urbana. Víctor F. Freixanes e Isabel Rodríguez García percorreron o edificio histórico do número 11 da rúa Tabernas da Coruña guiados polo arquitecto Gonzalo Moure, autor do proxecto gañador. O presidente agradeceulle á ministra o interese polo desenvolvemento da execución da obra e o apoio recibido por parte do seu departamento e do Goberno de España, que sacou a concurso público a rehabilitación do pazo brasonado do século XVIII. O edificio é a sede –salientou– dunha institución centenaria que se debe a unha lingua do século XXI que é “non só un patrimonio de Galicia, senón de todo o Estado español”.

1/6

Na visita tamén participaron o vicesecretario de RAG e académico responsable das obras, Henrique Monteagudo; a académica bibliotecaria, Marilar Aleixandre; o delegado do Goberno, Pedro Blanco, a alcaldesa da cidade, Inés Rey; o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Dinís Díaz Gallego; e mais José Manuel Quiroga, da construtora Extraco.

O Ministerio prevé un investimento de 2,58 millóns de euros para a execución do proxecto presentado por Gonzalo Moure baixo o título Limiar, entreluces e ceo, adxudicado á empresa ourensá. A rehabilitación da sede de Tabernas é o primeiro proxecto en Galicia do arquitecto tudense, quen soubo entender, como o departamento de Isabel Rodríguez, o espírito da intervención que a RAG require, apunta Víctor F. Freixanes. “Estamos agradecidos pola iniciativa do Goberno do Estado de sacar a concurso público este proxecto e polo traballo do arquitecto para que este edificio estea á altura da memoria histórica dunha institución de máis de cen anos pero que se debe a unha lingua instalada no século XXI”, insiste o presidente da Academia. “Esa é a filosofía coa que abordamos a renovación, e agradecemos que tanto o Ministerio e o Goberno de España coma o arquitecto a compartan. A lingua galega non é só un patrimonio de todos os galegos e galegas, senón que é tamén patrimonio común de todo o Estado”, expresa.

Gonzalo Moure concibiu a actuación partindo do respecto ao patrimonio recibido, tendo en conta a súa contorna privilexiada –a cidade vella herculina– e a condición do edificio de “arquitectura artesanal” e ao mesmo tempo “intelectual”. “Cando intervés nunha arquitectura artesanal como esta, o resultado debe ser unha mestura entre a arquitectura popular e intelectual, na que se recoñeza un traballo de autor pero que ao mesmo tempo non se identifique o nome, porque non se debe alterar a súa esencia”, reflexiona. Canto ao ritmo dos traballos, o arquitecto asegura que avanzan segundo o previsto e que agarda que a intervención poida inaugurarse cara a finais deste mesmo ano.

A rehabilitación en marcha será a segunda integral á que se somete o vello edificio como sede da Real Academia Galega. A primeira, proxectada por Andrés Fernández-Albalat, executouse nos anos 70 do século pasado, tras recibir a institución o inmoble en doazón por parte das herdeiras de Emilia Pardo Bazán. Implicou tamén unha intervención integral debido ao estado no que se atopaba a casa, pero por mor das carencias económicas non puido levarse a cabo coas calidades desexadas nin abranguer todo o que se pretendía. 

Tras constatar a Dirección Xeral de Patrimonio do Goberno de España unha serie de problemas que esixían unha intervención completa, a Real Academia Galega o Ministerio de Fomento asinaron no ano 2015 o protocolo no que ambas as entidades expresaban a vontade de desenvolver as actuacións necesarias para a elaboración do proxecto técnico e a posterior realización das obras, que empezaron finalmente no ano 2023. Mentres duran as obras, a RAG segue a atender de xeito telemático as consultas das persoas usuarias dende a súa sede temporal en Pocomaco.

A Biblioteca da RAG acubilla máis de 60.000 volumes monográficos e 3.000 títulos de publicacións periódicas relacionados con Galicia que fan dela un centro de consulta obrigada para a comunidade investigadora da cultura galega. Canto ao Arquivo, consta de máis de 30.000 documentos en papel e unhas 100.000 fotografías que o converten tamén nun referente entre os arquivos galegos. É parte ademais da Academia a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, escritora de quen se conserva o seu arquivo persoal e boa parte da biblioteca que fora construíndo ao longo da súa vida.