A mensaxe de Porteiro Garea aos galegos emigrados

As Irmandades da Fala procuraron novos apoios ás súas reivindicacións entre "os americanos". Así eran coñecidos os emigrantes galegos da época, aos que o catedrático de Dereito e político Lois Porteiro Garea se dirixe en A los gallegos emigrados. O folleto, editado pola Propaganda das Irmandades da Fala dous anos despois da súa fundación, súmase aos materiais dispoñibles na sección web As Irmandades da Fala nos fondos da Academia.

No texto, escrito en Vilalba entre o 18 e o 19 de xuño de 1918, Porteiro Garea explica as razóns da falta de apoio da maioría dos industriais e comerciantes á causa das Irmandades e anima a que ese baleiro o cubran os galegos establecidos en América, "no actuando de nodrizas nuestras, sino encargándose de apoyar el movimiento en el orden moral y en el económico en la medida que crean conveniente, con organizaciones autónomas para esos fines". Entre os obxectivos máis urxentes desa axuda, o político compostelán salienta a creación dun instituto de estudos galegos.

O folleto preséntase como a resposta á petición que recibiu Porteiro Garea de redactar un traballo sobre o rexionalismo galego para a súa difusión entre a comunidade galega en América. O autor salienta que non quere dela que traia "un céntimo a nuestra manos", senón que ansía que promova a constitución de organizacións rexionalistas de emigrados nas "Repúblicas americanas" que ordenen os seus fondos e que os dediquen "a la labor que juzguen más eficaz".

A sección as Irmandades da Fala nos fondos da Academia permite tamén acceder ao discurso que Porteiro Garea pronunciou na xuntanza fundacional das Irmandades da Fala de Santiago de Compostela.