O filólogo estará acompañado do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, Antón Santamarina; a presidenta da Asociación Galega de Onomástica, a académica correspondente Luz Méndez; o presidente de Apatrigal, Carlos H. Fernández Coto; e o alcalde en funcións de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas.
Fernando Cabeza Quiles é un dos principais divulgadores da realidade toponímica do país, socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e membro da Asociación Galega de Onomástica, entidade que colabora coa Academia na edición de Terra Nomeada. Toponimia de Ribeira é a súa terceira contribución á colección, tras Toponimia da Estrada (2018) e Toponimia de Carballo (2020). O libro, dispoñible en edición dixital na sección de publicacións de academia.gal, sae do prelo co apoio da Deputación da Coruña.
Corrubedo, o curro vello
No seu día o filólogo propuxo a posibilidade de que o topónimo Corrubedo tivese unha raíz prerromana *cor, que quere dicir ‘pedra’, e da que provén a palabra croio. Esta hipótese, recollida en Os nomes de lugar (Xerais, 1992), foi reproducida en múltiples ocasións, sen citarse a fonte, contribuíndo a espallar esta interpretación errada, indica o autor, que explica que o verdadeiro significado do nome deste emblemático espazo sería curro vello. «A partir dun posible *CURRO VĔTĔRU(M), teriamos en primeiro lugar un intermedio *curro vedro ‘curro vello’. Esta forma, ao desaparecer o seu último r por disimilación eliminatoria, algo frecuente ente vibrantes (erres) na evolución do latín ao galego (coma na palabra ARATRU(M) > arado, non aradro) e por disimilación vocálica, daría Corrubedo, nome tamén dun lugar do concello coruñés de Mazaricos, e o lucense Currovedo», expón.
Dado o risco para a navegación antiga que suporían os baixos da costa de Corrubedo, o topónimo aparece con variantes en distintas fontes documentais medievais. A do cartógrafo mallorquino Angelino Dulcert no seu manual de navegación de 1339 cita precisamente o topónimo coa forma Corovedro, mentres que o Atlas Catalán de 1375, atribuído ao xudeu mallorquino Cresques Abraham, rexistra Corovedre, formas todas elas que apoian a hipótese de que o nome proveña dun antigo curro vello. O catastro do século XVIII recolle ademais a existencia na zona dunha peza terreo chamado Curro Grande, «proba inequívoca da antiga presenza de curros na parroquia», engade Cabeza Quiles.
O Pé do Corniño, a gran pedra que xa non existe
Outras realidades da paisaxe desapareceron hai ben pouco e seguen tamén dalgún xeito vivas na memoria que custodia a toponimia. É o caso dos lugares O Pé do Corniño ou Torreiro. O corniño, lembra o filólogo, era a gran pedra que aínda existía nos anos 80 nesta parte alta do monte a carón do colexio da parroquia de Carreira. «A primeira parte do topónimo, O Pé < latín PĔDE(M), parece referirse á parte inferior do tal O Corniño. Este é un claro diminutivo en -iño da palabra corno que, entre outros significados aínda ten o de ‘cume, parte máis alta dun monte’. Á súa vez, a voz corniño debe proceder dunha base prerromana oronímica *corn- ‘esquina, punta, ángulo, cúspide, altura rochosa’», propón na entrada deste topónimo, ilustrada cunha fotografía da pedra en cuestión de Antonio Parada Mariño.
Torreiro: do terreiro á Casa do Mar
O Torreiro da parroquia de Corrubedo non debe o seu nome, malia a crenza hoxe estendida, á existencia do faro, atendido por un fareiro ou torreiro antes da súa automatización, aclara Cabeza Quiles. En realidade todos os Torreiro e O Torreiro galegos -engade- refírense ao terreiro, torreiro ou turreiro, o espazo amplo de terra onde, a xeito de praza, se fan as festas. Este significado coincidía ata hai poucos anos coa realidade física do lugar, un punto de encontro comunitario con chan de terra situado a carón do porto.
Aínda que este topónimo corrubedán non deixou rastro na documentación antiga, o desaparecido terreiro foi inmortalizado na fotografía do Voo Americano Serie B (1956-1957), cando aínda faltaban bastantes anos para que ocupase esa superficie de reunión veciñal o edificio da Casa do Mar de Corrubedo, inaugurado no ano 1988, recorda o autor.
Topónimos únicos en Galicia
Ribeira conta con varios topónimos únicos no Nomenclátor de Galicia, entre eles O Caramecheiro, que hoxe dá nome a un barrio do norte da cidade de Ribeira situado a carón da praia de Coroso. Seguramente este nome se refira ao pequeno caracol terrestre, chamado na zona caramecha das dunas (Theba pisana). «Recordamos nos anos 70 do século pasado persoas apañando este caracol, sinal de que se consumía e de que tiña certo valor comercial», conta Fernando Cabeza Quiles.
Listres é outro topónimo que en todo o país só se rexistra en Ribeira. O nome deste lugar da parroquia de Aguiño quizais teña que ver coa antiga existencia no lugar da planta chamada lesta, probable voz de orixe prerromana, que daría igualmente os topónimos Lista e Liste.
Cudieiros (Palmeira) é tamén un rexistro singular no Nomenclátor de Galicia. «Pode vir de *cutinarios e este do latín *cŭtina. Estaría así relacionado coa palabra codia < *cŭtina ‘parte externa endurecida do pan, do queixo etc.’, ‘anaco de pan reseso’, ‘tona’, ‘parte exterior dalgunhas froitas’, ‘parte exterior que recobre o tronco e as pólas das árbores’ e, o significado directo que puido ter o topónimo, ‘superficie dura da terra’. En portugués hai códea ‘parte exterior dura, casca, costra’ e codio ‘costra da terra endurecida’», detalla o autor.
Do carrizo ás baleas e os falcóns
Canto ao nome da lagoa de Carregal, Cabeza Quiles explica que este fai referencia á abundancia da cana silvestre chamada carrizo ou cárrega, propia de espazos lacustres e que outrora debeu ser máis abundante ca agora na lagoa.
O topónimo Balieiros é, por outra banda, un zootopónimo referido ás baleas que antano frecuentaban as costas galegas. «A súa abundancia na costa de Corrubedo aparece reflectida nunha atestación do ano 1577 do Arquivo do Reino de Galicia», apunta o estudoso.
A orixe do orotopónimo Os Forcados tamén é bastante transparente, xa que fai referencia á forma bifurcada do cume do monte que designa; mentres que o nome das illas de Sagres é probablemente un zootopónimo que se refire á abundancia dun tipo de falcón usado na cetraría medieval chamado en latín sacer e denominado polo vulgo sacre.