A inventora do precursor do libro electrónico

O 28 de marzo de 2016 Ángela Ruiz volveu ser noticia, por primeira vez para millóns de persoas, no 121º aniversario do seu nacemento. A mestra e inventora establecida en Ferrol, creadora de diversos libros mecánicos considerados precursores dos actuais libros electrónicos, protagonizou o doodle do día, a adaptación do seu logo co que Google lembra certas efemérides. A Real Academia Galega custodia no seu Arquivo, a través dunha doazón da familia, reproducións dixitais de fotografías e documentos de distintos momentos da súa traxectoria. Dona Angelita colleitou distintos premios internacionais, pero atrancos económicos impediron que vise feito realidade o soño de levar os libros mecánicos ás aulas.

Ángela Ruiz explicando o funcionamento do libro mecánico nun certame de inventos celebrado en Madrid no ano 1970. Copia fotográfica, procedente da doazón, conservada no Arquivo da Academia.


O 7 de decembro de 1949, Ángela Ruiz (1895-1975) rexistraba a patente dun procedemento "mecánico, eléctrico e a presión de aire para a lectura de libros", lembra a entrada dedicada a ela no Álbum da Ciencia. A creadora explicaba, nunha entrevista en Radio Nacional, o funcionamento e as posibilidades pedagóxicas, entre elas a de facilitar "o traballo autodidáctico a profesores e alumnos". "Por medio dunha combinación de rodetes e pulsadores que fan aparecer as letras, números ou signos que interesan, a ensinanza é deportiva, desenvolve o amor ao estudo coa súa forma amena, intuitiva, práctica e atraente, para que o neno forme as súas leccións, que viva esa alegría da ciencia e que vexa que o estudo é o instrumento máis poderoso da súa vida e a grandeza da súa alma, espertando interese por investigar e relacionar as ideas, que é a base de toda sólida cultura ", declaraba.

Prototipo da Enciclopedia Mecánica de Ángela
Ruiz. Copia dixital fotográfica conservada no
Arquivo da Academia.

O libro mecánico máis sofisticado que concibiu foi a Enciclopedia Mecánica, cuxo prototipo, que se pode verse na sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt), foi fabricado en 1949 no Parque de Artillería de Ferrol. Estes aparatos permitirían ampliar o tamaño da letra e das ilustracións, poderían ser "luminosos e iluminados" e, aínda que o exemplar de proba era pesado, feitos en plástico e nailon apenas chegarían a uns 150 gramos. Mediante carretes intercambiables, o alumnado podería dispoñer de todo o material de estudo necesario nun único aparato.

Os inventos de dona Angelita foron recoñecidos con numerosos premios en certames celebrados en distintas cidades españolas, París e Xenebra, e tamén formaron parte da delegación española que recibiu o primeiro premio na Exposición Internacional de Inventores de Bruxelas no ano 1957. O Ministerio de Educación chegou a aprobar o uso no ensino da Enciclopedia Mecánica e o enxeño estivo a piques de ser comercializado, pero o proxecto non chegou a saír adiante por cuestións económicas.

Ángela Ruiz compaxinou o seu perfil de inventora co de docente comprometida. Ademais de ser mestra nunha escola, ensinou na Escola Obreira de Ferrol e na súa academia de adultos, Elmaca, nome creado coas primeiras letras dos nomes das súas fillas tamén empregado para editorial que creou para distribuír as distintas obras didácticas que escribiu.