A I.B.S. Padre Rubinos edita nun volume dúas obras do seu refundador

A Institución Benéfico Social Padre Rubinos presentou esta tarde na sede da Real Academia Galega o volume no que reedita O poema da Cruña e O velliño, dúas obras literarias do padre Xosé Rubinos Ramos, refundador desta institución e académico de honra da RAG. Rubinos foi durante catorce anos, na Habana, presidente da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, institución creada por Curros Enríquez, Fontenla Leal e outros defensores da nosa cultura cuxo apoio foi decisivo para o nacemento da RAG, en 1905, a esta beira do océano, lembrou Xesús Alonso Montero.

Xesús Alonso Montero, acompañado de Eduardo Aceña García, Silvia Cameán e Teresa Amado, sinala o retrato de Fontenla Leal, promotor da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, que logo presidiría o padre Rubinos. Fonte: RAG


O presidente da RAG acompañou na mesa de presentación do libro o presidente da I.B.S. Padre Rubinos, Eduardo Aceña García; a concelleira de Xustiza Social e Coidados da Coruña, Silvia Cameán, e a catedrática da Universidade de Santiago de Compostela Teresa Amado Rodríguez.

En O poema da Cruña, o seu primeiro libro, Xosé Rubinos (A Coruña, 1898 – Miami, 1963) réndelle homenaxe á cidade na que naceu, e que deixou sendo mozo. Estes versos, que saíron por primeira vez do prelo na editorial Nós en 1933, son agora reeditados coa intención de recordar o seu autor e tamén "alentar renovada admiración e amor da Coruña para consigo mesma e, en consecuencia, cos seus compromisos sociais", expón no prefacio Eduardo García Aceña.

O Orzán, Riazor, o castelo de San Antón, Monelos, o porto ou os xardíns son algúns dos lugares da cidade que Xosé Rubinos Ramos percorre nos vinte e oito poemas desta obra.

O velliño (Edipo na Galiza), a derradeira publicación de Rubinos en formato libro, saíu á luz na Habana en 1961, o último ano da súa estadía en Cuba, e constitúe tamén un tributo á Coruña e a Galicia. Esta pequena obra teatral concibiuna para ser representada ao pé da torre de Hércules, ata onde trasladou o mito clásico de Edipo. No texto, o rei grego visita esta cidade antes de asentarse de forma definitiva no mundo dos mortos para transmitir unha promesa de paz e liberdade.