![](/documents/35271/350169/Dest_Hem_2021.09.11_01.jpg/6a288409-6d54-86e1-93da-4582dad51da6)
Dende a súa fundación no ano 1906 a Real Academia Galega ten reunido na súa Biblioteca un gran número de publicacións periódicas a través de doazóns, de compras e de intercambios. Grazas a iso, a nosa Hemeroteca conta na actualidade con máis de 3000 títulos.
A maior parte da Hemeroteca está constituída polo chamado Fondo Histórico, é dicir, a colección de revistas e de xornais publicados con anterioridade á década de 1980. Esta colección conta hoxe aproximadamente con 2900 cabeceiras. Así mesmo, máis da metade dese Fondo Histórico corresponde a publicacións galegas que foron editadas entre 1800 e 1980, entre as que se inclúen tamén as revistas producidas polas comunidades galegas asentadas fóra do país, resultantes da emigración peninsular, europea e americana.
![](/documents/35271/350169/Dest_Hem_2021.09.11_02.jpg/94132b4d-b540-ba40-0005-a7f0611e9ef3)
![](/documents/35271/350169/Dest_Hem_2021.09.11_03.jpg/4f2ad220-3236-414e-3352-af40062f50a4)
Non hai dúbida de que a colección de publicacións galegas é a parte máis valiosa do Fondo Histórico e tamén a máis consultada polas persoas que frecuentan a nosa Hemeroteca. Dentro desta colección gárdase un importante conxunto de revistas editadas entre 1800 e 1936, das que podemos salientar os seguintes grupos:
- Os primeiros diarios políticos e de noticias aparecidos a comezos do século XIX: El Caton Compostelano, Diario de Santiago, Diario de la Coruña, El Patriota Compostelano, Gazeta Marcial y Política de Santiago.
- Algunhas das nosas primeiras revistas culturais e literarias: Semanario Instructivo, El Idólatra de Galicia, El Recreo Compostelano, Galicia: revista universal de este Reino.
- As cabeceiras máis significativas do rexionalismo político e cultural: La Patria Gallega, Galicia, La Ilustracion Gallega y Asturiana, Revista Gallega, El Heraldo Gallego.
- Varios exemplos da prensa en galego de finais do XIX: O Tio Marcos d'A Portela, A Fuliada, A Monteira, As Burgas.
- Unha serie de títulos sobranceiros da prensa cultural e política das primeiras décadas do século XX: A Nosa Terra, Vida Gallega, Nós, Alfar, Alento.
- E tamén importantes voceiros da emigración sudamericana: El Eco de Galicia, Céltiga e Galicia de Buenos Aires, ou La Tierra Gallega e Galicia de La Habana.
![](/documents/35271/350169/Dest_Hem_2021.09.11_04.jpg/d01ee0e2-e9cd-1eb4-6e62-b5a07dfe0abe)
Cómpre destacar que a Real Academia Galega conserva coleccións completas de moitos dos títulos mencionados ou ben, no caso daquelas series incompletas, posúe unha cantidade considerable de exemplares. Verbo da prensa diaria, o Fondo Histórico non conta con ninguha colección enteira dos xornais galegos máis importantes da Galicia contemporánea. A pesar disto, a nosa Hemeroteca si garda un legado importante, aínda que fragmentario, de xornais galegos, con títulos como Diario de Avisos de la Coruña, El Noroeste, o xornal Galicia de Vigo, La Concordia, La Voz de Galicia, Tierra Gallega, El Ideal Gallego ou La Noche.
![](/documents/35271/350169/Dest_Hem_2021.09.11_05.jpg/e2621430-c332-8a1b-5210-4d15bf8c7bd7)
Alén do grupo de publicacións galegas, o resto do Fondo Histórico está formado por máis de un milleiro de cabeceiras non galegas. Trátase principalmente de revistas españolas e portuguesas, aínda que tamén hai publicacións que teñen outras procedencias: Francia, Italia, Inglaterra, Alemaña… Malia seren revistas foráneas, algunhas tamén inclúen textos e imaxes que fan referencia ao noso país.
Por último, a Hemeroteca posúe ao redor de 200 títulos de revistas en curso de publicación que se reciben actualmente en concepto de troco, de doazón ou de subscrición, a maior parte das cales son de orixe galega.
As fichas de catalogación da totalidade dos títulos do Fondo Histórico -así como da gran maioría das publicacións en curso- poden ser consultadas no catálogo informatizado da Hemeroteca que está dispoñible na páxina web da Real Academia Galega. Cada unha desas fichas achega numerosas informacións acerca desas revistas e tamén ofrece unha relación detallada dos anos e dos números de cada cabeceira que se conservan na nosa institución.