A 'Guía dos elementos químicos', un xeito entretido de profundar na táboa periódica

O elemento químico máis antigo empregado pola humanidade é o ouro. Non se sabe cando se descubriu, pero hai 8.000 anos xa era empregado e moi apreciado. Mais é o hidróxeno, o máis lixeiro, o máis abundante do Universo e fonte de todos os outros elementos o que abre a táboa periódica. E tamén a Guía dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións, unha obra divulgativa que, de xeito ameno e rigoroso, afonda na orixe e nos nomes das pezas que compoñen esta base sobre a que se constrúe a linguaxe da química. O volume ve a luz coincidindo coa celebración no 2019 do Ano Internacional do Sistema Periódico, declarado pola ONU para conmemorar os 150 anos da presentación por parte do químico ruso Dimitri Mendeleev, o 6 de marzo de 1869, da súa táboa periódica. Naquela primeira versión constaba de 63 elementos; hoxe son 118 e xa se propuxo o 119, do que tamén se fala na guía.

Pola esquerda, Marcelino Maneiro, Víctor F. Freixanes, Manuel Bermejo, Ana María González Noya e Manuel González. Fonte: RAG


Manuel Rafael Bermejo Patiño, Ana González Noya e Marcelino Maneiro Maneiro, profesores de química inorgánica da Universidade de Santiago e autores da guía, presentárona en rolda de prensa este luns na Real Academia Galega, acompañados polo presidente da institución, Víctor F. Freixanes, e o académico e coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), que edita a obra. O traballo contou coa participación na revisión lingüística e terminolóxica das investigadoras Tania de Dios Miguéns, Beatriz Fariñas, Belén Poutón e Inés Veiga, un labor realizado desde o Servizo de Terminoloxía Galega (Termigal) que contribuirá a estandarizar as denominacións dos elementos químicos en galego, valoran os autores.

A desta guía é, de feito, "a primeira oferta de denominación normalizada e oficial dos nomes dos elementos químicos en galego", subliña Manuel González, coordinador do Termigal, un servizo creado en 1997 por un acordo entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Política Lingüística e o CRPIH.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, salienta que iniciativas como esta "deben entenderse no proceso de modernización, enriquecemento e actualización permanente da lingua", un compromiso da Academia que se vén concretando tamén a través doutras accións como a incorporación ao Dicionario de terminoloxía específica das matemáticas, a informática ou as telecomunicacións, engade. "A lingua galega non pode manterse á marxe da realidade científica e tecnolóxica", conclúe.

Alén do aspecto lingüístico, a guía é "unha obra fundamental para o profesorado universitario de Química, de Bioloxía e de Farmacia, para o relacionado con estas materias nos outros niveis de ensino, para os profesionais da industria química e farmacéutica, xornalistas especializados e mediadores da comunicación ou tradutores. Pero tamén é atractiva para calquera persoa porque pode ser lida como un relato, dá información pero que tamén esperta o interese do lector e divirte", valora Manuel González.

A obra visibiliza ademais voces protagonistas da química, entre elas mulleres de grande importancia na historia do coñecemento, engaden os autores a só unhas semanas da celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia. É o caso, entre outras, de Ida Eva Tacke, codescubridora do renio; Marguerite Perey, descubridora do francio; ou Lise Meitner, codescubridora do protactinio e lembrada co nome dado a outro elemento, o meitnerio.

Exemplos en clave galega
"Ao longo do volume resáltase o importante papel da química na sociedade actual, con exemplos de múltiples aplicacións dos diferentes elementos, e moitos destes exemplos son próximos, escollidos en clave galega", explican os autores. É o caso das minas de volframio de Carballo ou dos ferreiros de Riotorto, entre outros.

Un por un, todos os elementos químicos coñecidos ata a actualidade van sendo descritos neste volume que afonda tamén no seu aspecto, a súa historia, o seu comportamento, a súa utilidade e a súa posible perigosidade, ademais de pescudar na orixe da súa designación. A do hidróxeno, que quere dicir xerador da auga, débeselle a Lavoisier, quen o obtivo por descomposición do vapor da auga con ferro roxo e comprobou logo que o H2 arde no ar para producir auga, recolle a guía.

O último elemento oficial é o 118, o oganesson, o de maior peso atómico sintetizado, que debe o seu nome ao físico nuclear ruso Yuri Oganessian. O libro incorpora a súa denominación xunto ás dos outros últimos descubertos, o nihonio, o moscovio, e o ténnesso, aprobadas recentemente pola Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (IUPAC). Pecha a obra o unennio, nome provisional dun elemento ata o momento non sintetizado, aínda que os autores se mostran convencidos que non será o derradeiro: "Non dubidamos que, como predixo Mendeleev, a táboa periódica rexistre novas incorporacións".