A gramática para gozar da lírica trobadoresca

Arredor do ano 1290, o monxe bieito Jofre de Foixà escribiu un pequeno manual de gramática e poética provenzal dedicado ao rei de Sicilia Jaume II. Aquel volume citaba por primeira vez xuntas as linguas románicas que daquela se empregaban para compor poesía: o propio provenzal, o francés, o siciliano e mais o galego. Malia a relevancia da lírica galego-portuguesa, o galego entrou no século XXI sen ningunha gramática específica concibida para facilitar, coma aquela achega do relixioso catalán, a comprensión e o estudo destes versos. O filólogo, lingüista e lexicógrafo sueco Pär Larson, investigador do Instituto Opera del Vocabolario Italiano de Florencia, propúxose cubrir este baleiro e publicou en 2018 a primeira descrición sistemática da lingua empregada na península Ibérica polos trobadores, pensada para o público italiano. A obra sae agora do prelo nunha nova versión en galego que é moito máis ca unha tradución, grazas ao traballo compartido coa filóloga Mariña Arbor.

Pär Larson co seu libro A lingua das cantigas. Fonte: RAG


O precedente máis claro d'A lingua das cantigas. Gramática do galego-portugués (Galaxia, 2019) é o tratado Altportugiesisches Elementarbuch de Joseph Huber, publicado en alemán en 1933 e traducido ao portugués en 1986. "Mais o estudo de Huber está baseado en textos en prosa dos séculos XIII e XIV, de xeito que a lingua trobadoresca é tratada un pouco de esguello", explica o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, na introdución do libro. Outra referencia destacada neste terreo é a Gramática histórica galega de Manuel Ferreiro, pero a obra de Pär Larson é a primeira gramática que profunda no galego dos trobadores. Henrique Monteagudo e Manuel Ferreiro acompañarán esta tarde (19:30 h) o autor na presentación do volume na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, nun acto no que tamén intervirán o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e mais a tradutora do libro, Mariña Arbor, quen traballou man a man con Pär Larson non só para verter a obra ao galego, senón para adaptala por completo ao público galegofalante.

'A lingua das cantigas' vén cubrir un baleiro importante, a carencia dunha gramática propia dos nosos trobadores, e fíxoo inicialmente dende Italia.
A lingua das cantigas é unha tradución do italiano de La lingua delle cantigas. Grammatica del galego-portoghese (Carocci, 2018). En Italia houbo un par de xeracións de grandes expertos en estudos galego-portugueses, pero non tiñan ningunha gramática para estudar a lingua da lírica. Os investigadores da lírica provenzal ou da francesa teñen moitos traballos sobre a súa lingua pero si, no caso do galego-portugués existía un baleiro que tratei de cubrir pensando nos universitarios italianos. Naquel momento non pretendía escribir para o público galego.

O volume que presenta hoxe en Santiago non é, nese sentido, unha mera tradución, adáptase ao público galego e dialoga co galego contemporáneo. O resultado, di vostede, non é unha gramática histórica, malia centrarse nunha variedade lingüística medieval.
Si, é moito máis ca unha tradución, en realidade paréceme un libro orixinal. A miña idea non era escribir unha gramática histórica, porque xa existe a Gramática histórica galega de Manuel Ferreiro e bastantes estudos realizados por especialistas portugueses. A miña é unha gramática descritiva, describe a situación da lingua na poesía dos séculos XIII e XIV e faino baseándose nun amplo corpus poético: as máis de 400 Cantigas de Santa María de Afonso X e as máis de 1.600 profanas conservadas. Son bastantes, pero parecen poucas se se comparan co que hai en francés. En realidade sería moi difícil facer unha gramática así doutro idioma, pero para o caso do galego-portugués cadra moi ben.

Semella en calquera caso un traballo inxente, pero só empregou na súa escrita un ano. Isto só parece posible grazas a moito estudo previo da nosa lírica medieval. Dende cando profunda vostede nela?
Comecei a estudar a lírica medieval galego-portuguesa no ano 2005, e por ese motivo comecei tamén a estudar o galego actual. Despois deixeina durante un tempo e logo volvín a ela. Son estudoso da historia dos idiomas e traballo en Florencia como lexicógrafo, sobre o italiano antigo. Iso é no que traballo día a día, con cousas italianas, por iso é polo que me pagan, así que esta gramática tívena que redactar nas fins de semana, polas noites... Pasei meses e meses nos que non facía outra cousa que non fose gramaticalizar! ( ri).

O seu obxectivo final é que os lectores e lectoras do século XXI comprendan con máis facilidade as cantigas medievais. Entendéndoas ben, como cre que pode ser a recepción contemporánea? Poden seguir a emocionar tantos séculos despois de seren compostas? Que diría que teñen de especial?
Coñecín a lírica galego-portuguesa cando xa coñecía moi ben outras literaturas medievais, así que puiden facer unha confrontación e deime conta de que nela hai aspectos moi peculiares. Especialmente nas cantigas satíricas, as de escarnio e maldicir, que son unha cousa, non digo única en Europa, pero case. Existe tamén lírica satírica en provenzal, francés e italiano, pero a galego-portuguesa é magnífica, unha das mellores de Europa! Podería pensarse que a retranca de hoxe xa está nelas. Outra cuestión interesante que a miúdo esquecemos é que o galego-portugués era o idioma da lírica en toda a península Ibérica. De feito, moitos poemas foron escritos por autores que non eran galegos, e así e todo escribíano ben. A situación era similar ao que acontecía en Europa central co provenzal.

A lírica galego-portuguesa é moi madura, dunha calidade moi alta, con contrastes entre cousas moi sinxelas, moi limpas e luminosas e outras moi complicadas e elegantes. Os seus poetas sabían facer realmente o seu oficio.