Parte da nova xeración de A Nosa Galiza posa co presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.
O presidente da RAG visitou a pasada fin de semana as sociedades A Nosa Galiza e a Irmandades Galega na Suíza, nas que falou sobre Carlos Casares. Ambas as entidades, fundadas en 1967 e 1973, respectivamente, son boa mostra do traballo a prol da cultura galega que desenvolven tanto os emigrantes de primeira xeración como os seus fillos e fillas, nados xa en Suíza. "A Galicia exterior tamén existe, é un capital simbólico, cultural e incluso económico que debemos aproveitar, porque na era da globalización as redes, cando están intelixentemente conectadas, son unha riqueza", salienta Víctor F. Freixanes.
Con distinta intensidade, as celebracións repetíronse noutras cidades suízas como Zurich, Basilea, Lousanne ou Zug, onde a comunidade galega convidou o escritor limiao Antón Riveiro Coello a impartir unha conferencia sobre o protagonista das Letras Galegas deste ano. En Bélxica, a data tampouco pasou desapercibida e o Centro Galego de Bruxelas, en colaboración coa organización Coutomixto, organizou o pasado 6 de maio un encontro co xornalista e novelista Manuel Gago.
O presidente da RAG con músicos novos da Irmandade Galega na Suíza
En Londres, a celebración saíu á rúa: un cento de galegas e galegos residentes na capital británica compartiron no barrio de Notting Hill un encontro no que non faltaron as lecturas públicas de textos de Carlos Casares nin a música da terra. E tamén houbo festa no colexio Cañada Blanch, onde por quinto ano consecutivo o alumnado recibiu a estudantes do IES Xulián Magariños de Negreira para renderlle homenaxe conxunta a Carlos Casares. En Gales, a biblioteca do Centro de Estudos de Bangor amosou nun lugar destacado unha escolma de obras do autor.
O escritor ourensán tamén está a ser homenaxeado en territorio peninsular. A Biblioteca de Lletres da Universitat de Barcelona acolle desde o 15 de maio e ata mañá, día 31, a exposición Carlos Casares, coleccionista de historias e o seminario mensual sobre cultura galega organizado entre esta institución académica e a Universitat Autònoma de Barcelona estivo dedicado este maio ao narrador. O programa incluíu a proxección do documental Contando a Carlos Casares, unha conversa co director, Gonzalo E. Veloso, e a lectura de textos do autor homenaxeado.
Barcelona tamén participa con dous dos vídeos nos que alumnas e alumnos da Rede de Centros de Estudos Galegos len fragmentos de obras de Carlos Casares en galego e na súa lingua nai. As gravacións poden verse nesta ligazón xunto a outras achegas procedentes de Francia, Italia, Portugal ou Estremadura. Unha conferencia sobre Carlos Casares, un concerto dedicado a poetas galegos e a I Xornada do Audiovisual Galego, celebrada do 16 ao 25 de maio, completaron a programación do Centro de Estudos Galegos de Cáceres. Á beira do Mediterráneo, o Centro Galego de Castelló O Aturuxo sumouse á celebración cunha charla sobre o autor e a exposición Carlos Casares e a fotografía.