A Fundación Lois Peña Novo réndelle homenaxe a Franco Grande polo seu dicionario

A Fundación Lois Peña Novo rendeulle onte homenaxe en Redondela ao académico de número Xosé Luís Franco Grande, autor do dicionario de galego "que nos fixo máis donos das palabras". A entidade adiantouse ao quincuaxésimo aniversario desta obra, publicada por primeira vez en 1968. O Franco Grande, como era coñecido, converteuse nos anos 70 nunha ferramenta de enorme utilidade para a normalización da lingua galega desde a entrada en vigor da Lei Villar Palasí, que permitiu incorporar o seu ensino nas escolas.
Xosé Luís Franco Grande
Xosé Luís Franco Grande, á esquerda da placa instalada a súa honra, e o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, xunto a outros participantes na homenaxe que se lle rendeu ao académico en Redondela.


O Diccionario galego-castelán e vocabulario castelán-galego de Franco Grande, editado por Galaxia, foi tamén moi empregado no ámbito universitario e noutros eidos da vida cultural e lúdica. Máis adiante, coa instauración da preautonomía, milleiros de funcionarios públicos aprenderon o galego xurídico e administrativo nos cursos de lingua galega co apoio d'O Franco Grande.

"Poucas veces na historia de Galicia, coincidindo con movementos de rexurdimento cultural, tivo un dicionario unha transcendencia tan grande", resume o Fundación Lois Peña Novo, que quixo adiantarse ao quincuaséximo aniversario da obra cunha homenaxe, organizada coa colaboración do Concello de Redondela, da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, e na que tamén participou o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. No acto, presentado por Xosé González Martínez, presidente da Fundación Lois Peña Novo, Xosé Luís Franco Grande descubriu unha placa conmemorativa nos xardíns do paseo da Xunqueira que lembra a súa autoría dun dicionario "que nos fixo máis donos das palabras". Sesenta estudantes dos institutos de Redondela sumáronse tamén á homeaxe portando cadanseu cartel cunha palabra incluída nas súas páxinas.