Cabeceira do segundo número d'A Fuliada (9 de febreiro de 1888)
A pegada que O Tio Marcos d'A Portela deixou na historia da prensa en galego pode verse claramente nos numerosos periódicos monolingües que agromaron no país seguindo o ronsel deixado pola publicación de Valentín Lamas Carvajal: O Galiciano, en Pontevedra (1884); Galicia, en Ferrol (1885); O Antroido, en Betanzos (1886); A Fuliada, na Coruña (1888); A Monteira, en Lugo (1889); As Burgas, en Ourense (1894), etc. Mais o certo é que ningunha destas cabeceiras logrou ter tanto éxito nin unha vida tan longa como os parrafeos do vello petrucio da Portela.
Coa aparición d'A Fuliada na Coruña a comezos do ano 1888, a prensa en galego volvía ter presenza na mesma cidade que case trinta anos antes acollera o nacemento d' O Vello do Pico-Sagro. Pero a historia d'A Fuliada (dispoñible nesta ligazón da hemeroteca virtual da Academia) empezara algún tempo atrás en Betanzos. Alí publicárase, desde outubro de 1886 deica febreiro de 1887, outra publicación monolingüe, O Antroido, de carácter satírico e popular, dirixida polo tipógrafo Ángel Vázquez Taboada. En marzo dese ano, e a xeito de continuación d'O Antroido, apareceu en Betanzos A Fuliada, que probablemente tamén estivo dirixida por Vázquez Taboada e que durou ata o mes de xullo. A aparición na Coruña algúns meses despois dunha nova revista con idéntico título pode explicarse seguramente polo feito de tanto Ángel Vázquez Taboada como A. Amenedo Ponte, o editor da revista betanceira, se instalaren na cidade herculina por motivos laborais.
A pesar desta historia anterior, A Fuliada da Coruña non naceu explicitamente como unha continuación da de Betanzos, pois dende o principio apareceu cunha numeración independente e anunciando na cabeceira que 1888 era o seu Ano I. O seu título completo foi: A Fuliada ou zanfona semanal d'alegrias ou de bágoas segun qu'o pobo gallego s'adivirte, canta ou laya, e saía os xoves de cada semana. Non coñecemos con certeza a data de aparición da revista por non se conservar o número inicial. Sabemos que o segundo número é do xoves 9 de febreiro e, tendo en conta a súa periodicidade semanal, talvez o número inaugural saíu o xoves 2 de febreiro. Outra cuestión confusa é a da data de desaparición. Aparentemente deixou de existir no mes de xullo de 1888, pois o último exemplar coñecido é do día 26 dese mes. En total publicáronse semanalmente uns vinte e cinco números entre febreiro e xullo de 1888, contando cada un deles con oito páxinas.
Parecida incerteza existe respecto dos responsables da revista. Xosé Ramón Barreiro Fernández é da opinión de que o seu director foi Carlos Pol Caamaño, unha figura ben coñecida nos círculos republicanos coruñeses. Pero entre os colaboradores encontramos tamén a Ángel Vázquez Taboada, quen fora o responsable d'A Fuliada betanceira. De calquera xeito, o certo é que a sinatura destes dous autores foi a que estivo máis presente nas páxinas do periódico e, sen dúbida, foron eles os que se fixeron cargo da súa publicación. Ademais de Pol Caamaño e de Vázquez Taboada, A Fuliada contou igualmente con colaboracións literarias de escritores ben coñecidos, como Manuel Curros Enríquez, Francisco de la Iglesia, Eladio Rodríguez, Benito Losada, Fernando García Acuña ou Roque Pesqueira Crespo.
A Fuliada adoptou en boa parte unha orientación literaria, publicándose nela unha cantidade considerable de poesías, de contos curtos e incluso de cántigas populares. Porén, tamén centrou a súa atención na crónica de actualidade e no comentario político. Así, na sección "Fungueirazos", dábase conta da vida coruñesa, nomeadamente de actos culturais, de sucesos e da política municipal. Por outra parte a sección "Lerias" consistía no habitual diálogo entre varios personaxes acerca de cuestións políticas e de asuntos actuais. Durante a súa curta vida A Fuliada tivo tempo para atacar as desigualdades sociais, denunciar a mala situación dos labregos, deplorar o fanatismo relixioso e criticar os galegos desleigados que desprezaban o idioma propio do país. Pero ao mesmo tempo fuxiu de ideoloxías revolucionarias como o anarquismo, proclamando, en troques, que as clases traballadores tiñan que mellorar a súa situación de xeito gradual mediante a instrución. Como ben dixo Barreiro Fernández, A Fuliada foi unha publicación crítica co sistema político da época, mais non agresiva cos poderes establecidos.