A festa das Letras Galegas de María Victoria Moreno percorre o mundo

O 17 de maio quedou atrás, pero continúa o Ano María Victoria Moreno. Os concertos, as obras de teatro, as presentacións de libros e as conferencias arredor da súa vida e obra proseguen no territorio galego prolongando unha celebración que tamén se estende alén das catro provincias galegas. En Londres serviu para presentar en sociedade, o pasado 13 de maio, a nova asociación cultural Rega-UK; en Xenebra a Irmandade Galega escolleu o mes de xuño para celebrar a María Victoria Moreno co presidente da RAG como conferenciante convidado e en Buenos Aires o alumnado do Instituto Apóstolo Santiago levará á escena dúas novelas da escritora, Mar adiante e Leonardo e os fontaneiros no mes de agosto, tras as vacacións do inverno. Os estudantes do centro porteño tamén lle renderon este xoves, 11 de xullo, homenaxe a María Victoria Moreno e a Xabier P. Docampo, falecido o pasado 26 de xuño, con lecturas das súas obras na celebración anticipada do Día de Galicia.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, ofreceu unha conferencia no centro da Irmandade Galega de Xenebra (Suíza), nun acto no que participaron os socios da institución e o grupo de gaitas e baile da mesma. A figura de María Vitoria Moreno deu pé a un demorado coloquio sobre a significación da muller nas últimas décadas da literatura galega e a importancia do profesorado na formación da cidadanía do século XXI, con referencia especial á adolescencia nun contorno no que unha parte importante da primeira xeración de emigrantes galegos nas cidades helvéticas convive co francés, o alemán e o galego nas familias.


Víctor F. Freixanes na Irmandade Galega de Xenebra e Manuel Bragado na Sementeira de Basilea


Suíza tamén foi destino arredor das Letras Galegas de Mercedes Queixas ou Manuel Bragado. Este último impartiu palestras sobre María Victoria Moreno no Centro Galego a Nosa Terra de Zug e na Sociedade Galega A Sementeira de Basilea. "Resultoume moi emocionante, houbo moitas preguntas arredor da figura de María Victoria Moreno e chamou moito a atención a súa galeguidade por elección. A min sorprendeume o interese co que estas comunidades seguen a actualidade política e cultural de Galicia, quizais o problema que teñen é que nós non seguimos a súa axenda", reflexiona.

Cunha impresión similar regresou de Suíza Mercedes Queixas, quen falou sobre a autora e a valía da súa obra no Centro Recreativo Cultural Ourense de Basilea e mais en Lausana, nun acto organizado pola Asociación Cultural Galega A Roda e Promoción da Cultura Galega. "Agradoume moito ver o interese por coñecer a figura de María Victoria Moreno de galegos que levan case toda a vida fóra, e tamén da segunda xeración, xente que é máis de alí que de aquí, pero que ten interese polo presente da nosa cultura e que sente a necesidade de reengancharse a ela. Dalgunha maneira isto é unha metáfora da María Victoria Moreno que buscaba reconectar coa xente nova", expresa.

O Día das Letras Galegas adiantouse ao 13 de maio en Londres coa festa das Letras de Rega-UK, unha nova asociación de corte cultural que aproveitou esta celebración para presentarse en sociedade cunha programación que, durante seis horas, xuntou un numeroso público de distintas idades no Haileybury Youth Centre. Un recital poético, un concerto de Leo Arremecághona, a proxección da curtametraxe Galicia Portobello Road da directora Adriana Páramo, unha foliada e xogos para grandes e pequenos foron parte do programa da xornada, na que colaboraron outras organizacións socioculturais galegas da capital británica como Galego en Londres, Galegos Morriñentos en Londres, Troula, a Asociación A Caramiña ou o Galician Film Forum. O propio 17 de maio o café Sweet N Savoury acolleu un recital multilingüe no que a literatura galega tivo un lugar destacado e no Instituto Español Vicente Cañada Blanch o Día das Letras Galegas celebrouse recibindo, por sexto ano consecutivo, a alumnado e profesorado do IES Xulián Magariños de Negreira, co que se bailou e gravou unha muiñeira no patio. Un photocall de autores galegos e lecturas sobre María Victoria Moreno foron outras das actividades organizadas no centro, explica a profesora de galego do Cañada Blanch, Begoña González Rei.

As Letras de María Victoria Moreno seguen a celebrarse noutro centro de ensino á outra beira do Atlántico, o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo. O propio 17 de maio tivo lugar, nun salón de actos ateigado, unha homenaxe á escritora e ás letras galegas. Poemas, fragmentos de novelas ou cancións foron parte dun programa arredor dunha autora "que ben podería representar un exemplo a seguir para o alumnado do centro, quen tamén ten unha historia de amor e respecto pola lingua galega sen ser orixinario do territorio circunscrito ás catro fronteiras administrativas", expresa o director xeral do instituto, o académico correspondente Carlos Brandeiro.

Este mércores a autora volveu ter protagonismo na celebración anticipada do Día de Galicia, que serviu tamén de homenaxe a Xabier P. Docampo. Pero isto non foi todo: os mozos e mozas de secundaria do Santiago Apóstolo leron Anagnórise, os cativos e cativas do nivel inicial coñeceron a súa biografía e os de primaria leron distintos textos dela e confeccionaron murais que se expuxeron nos corredores, entre outras iniciativas. A comunidade educativa traballa ademais arreo na preparación dun espectáculo que levará a escena en agosto, tras o descanso invernal, unha adaptación de dous títulos destacados de María Victoria Moreno: Mar adiante e Leonardo e os fontaneiros.

Fóra do ámbito escolar, na capital porteña tamén se programaron distintas actividades arredor de María Victoria Moreno. No Centro Galicia de Buenos Aires a biblioteca foi o escenario dun encontro no que se leron textos da escritora; no Centro Galego de Buenos Aires o historiador Hugo Rodino Lalín impartiu unha conferencia sobre ela; no Centro Lalín, Agolada e Silleda Marta Villar, docente e bibliotecaria do Instituto Santiago Apóstolo, abordou a significación do Día das Letras Galegas e dialogou co público sobre María Victoria Moreno tras a proxección do documental Galega por amor; e no Centro Partido do Carballiño falouse da súa vida, comentáronse fragmentos da súa obra e os máis novos debuxaron e leron textos da súa autoría.


Dúas nenas facendo debuxos sobre María Victoria Moreno no Centro Partido de Carballiño en Buenos Aires


Propostas similares tiveron réplica noutras localidades de Arxentina. María Rosa Lojo impartiu unha no Centro Galego de Santa Fe e no Centro Galego de Rosario fíxoo María Ángeles Astorga. O Centro Galego de La Plata e a Cátedra Libre de Literatura e Cultura Galegas da Universidad Nacional de La Plata organizou un ciclo de encontros, coordinados por Mariela Sánchez, que ofreceu unha aproximación á lingua e a cultura galegas a través de análises literarias de poemas de distintas épocas musicalizados. A Federación de Asociacións Galegas na República Arxentina (FAGRA) quixo ademais facer coincidir a estrea do seu dominio puntogal co 17 de maio, que ademais do Día das Letras Galegas é o Día de Internet.

A Galicia de Uruguai e Cuba mantivo tamén a tradición de celebrar o Día das Letras Galegas. Na illa caribeña as cidades de Matanzas e Jaguëy Grande congregaron máis de douscentos integrantes das respectivas comunidades galegas e en La Habana celebrouse a quinta edición das Xornadas das Letras Estradenses, que homenaxearon a David Otero e á propia María Victoria Moreno. Na capital uruguaia, o Centro Galego de Montevideo acolleu actividades variadas para festexar a data.

Fóra de Galicia pero aínda na península Ibérica tampouco faltaron iniciativas variadas arredor do 17 de maio. Estudis Gallecs i Portuguesos da Universitat de Barcelona organizou unha conferencia de Carme Adán sobre violencia e patriarcado e unha exposición bibliográfica dedicada a María Victoria Moreno na Biblioteca de Lletres. O Centro de Estudos Galegos da Universitat Autònoma de Barcelona tamén programou unha exposición biobibliográfica sobre as autoras homenaxeadas co Día das Letras Galegas e unha conferencia sobre a escritora protagonista deste ano a cargo da investigadora Alba Losada, quen tamén falou sobre ela no Centro Galego de Lleida. Lito Caramés no Centro Galego Nós de Sabadell ou Ángela Gracián en Barcelona, convidada pola Federación de Entidades Galegas en Cataluña, tamén achegaron a figura de María Victoria Moreno en senllos relatorios e o Ateneu Roig acolleu nun programa variado a representación d'A peregrina, a partir dun texto de María Victoria Moreno. A Irmandade Galega de Rubí programou ademais unha festa con música de Val das Mouras e o II Concurso de relato curto "Manuel Rivas", entre outras moitas actividades organizadas desde Cataluña.

En Madrid, entre outros actos, a Casa de Galicia acolleu o propio 17 de maio a proxección do documental Reivindicando a María Victoria Moreno seguida dun coloquio.

Esta información foi elaborada coa colaboración de Mercedes Queixas, Manuel Bragado, Begoña Rei desde Londres e os membros correspondentes da RAG Carlos Brandeiro e Helena González desde Buenos Aires e Barcelona.