“A fala é unha forte, latexante necesidá”

A Real Academia Galega acaba de incorporar á súa libraría dixital Ideas, propostas e debates sobre a lingua (1916-1936), unha escolma de máis dun cento de textos relevantes sobre o galego producidos entre o ano da fundación das Irmandades da Fala e a aprobación do Estatuto de Autonomía, un momento -tamén protagonizado pola xeración Nós e o Seminario de Estudos Galegos- que marcou un punto de inflexión no discurso de dignificación do idioma propio de Galicia. A selección recolle escritos publicados en libros, opúsculos e distintos medios, desde diarios como El Pueblo Galllego, ata revistas de Galicia (A Nosa Terra, Nós) ou da emigración (Céltiga). A edición, ao coidado do académico Henrique Monteagudo, coa colaboración de M.ª Dolores Sánchez Vales e Nélida Cosme, saíu do prelo en dous volumes, dispoñibles xa en descarga gratuíta na sección de publicacións de academia.gal

O primeiro tomo xunta textos referentes ao status social, cultural e político do galego e o segundo reúne outros sobre o seu cultivo e elaboración, con atención especial ao desenvolvemento e á fixación do galego escrito. Antón e Ramón Villar Ponte, Vicente Risco, Victoriano Taibo, Johán Vicente Viqueira, Francisco Fernández del Riego, Fermín Bouza-Brey, Manuel Lugrís Freire, Leandro Carré, Ricardo Carballo Calero, Jesús Bal y Gay ou Rafael Dieste son parte da nómina de autores que asinan os traballos seleccionados.

“A fala é forza viva. Falar galego é crear un núcleo de luz, un faro para nós e para os demais”, escribía en 1917 Xaime Quintanilla. Esas liñas son unha boa síntese do ideario lingüístico das Irmandades da Fala, das que foi membro dende os inicios. Este movemento reivindicou por primeira vez a lingua do país como un vehículo de expresión válido para todas as esferas da vida pública e da expresión literaria, e non simplemente acoutado á creación lírica. “Non digamos que está chea de dozura, que é meiga e leda, que nela cantan os anxos. Digamos que a fala é unha forte, latexante necesidá”, sentenciaba o médico e escritor.

Os argumentos de Quintanilla están en consonancia co discurso definido naquela altura polo galeguismo para “resignificar o galego, para que superase a súa condición dialectal e fose recoñecido como lingua nacional”, salienta Henrique Monteagudo. “Isto implicaba revolucionar a conciencia lingüística da sociedade galega pola vía da propaganda e o debate, proxectando o idioma na esfera pública; mobilizar a cidadanía e incorporar nela o mundo rural e mariñeiro; crear un sistema cultural autónomo, extenso e diversificado; cultivar o galego nun amplo rango de xénero do discurso; e mais desenvolver, modernizar e regularizar o propio idioma”, sinala no limiar da obra.

De Risco ao testamento de Castelao
A base da compilación atópase no traballo de documentación previo á tese de doutoramento do coordinador do Seminario de Sociolingüística, Ideas e debates sobre a lingua (1916-1936). Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e a tradición galeguista (1995). Castelao tamén está presente nestes novos volumes da colección Anexos do Boletín da RAG porque o seu Sempre en Galiza (1944) “é o testamento da súa xeración, tamén no que se refire á lingua, a obra que recolle e desenvolve o discurso sobre o idioma das Irmandades da Fala, a Xeración Nós e o Partido Galeguista”, apunta Henrique Monteagudo.

“Que diriamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior (....). Unha lingua é máis que unha obra de arte; é matriz inesgotable de obras de arte”, deixou escrito o rianxeiro no Sempre en Galiza, publicado no exilio en Buenos Aires. A emblemática cita dialoga con outras de persoeiros coma Vicente Risco, quizais o maior creador do discurso sobre a lingua durante o período de entreguerras. Entre os nove artigos recollidos do intelectual ourensán figura “O idioma galego na nosa vida e na nosa cultura” (1928), onde Risco afirma que “si hoxe Galiza vive e ten como pobo un porvir dediante e unha misión histórica, é soamente por ter unha fala de seu”, unha cita que tivo eco no Sempre en Galiza: “Non esquezamos que si ainda somos galegos é por obra e graza do idioma”.

Os debates da Constitución da República (1931) e do Estatuto de Autonomía (1932)
Ideas, propostas e debates sobre a lingua permite tamén ler textos moi interesantes e pouco coñecidos, como o artigo “La lengua gallega y la lucha por la cultura en Galicia. Réplica a Unamuno”, do filósofo, psicólogo e pedagogo verinés Eloy Luis-André (1878-1935). As reflexións de Eloy Luis-André producíanse no contexto da discusión no Congreso dos Deputados sobre o status das linguas peninsulares na Constitución española, na que Miguel de Unamuno argumentara contra o seu recoñecemento oficial. Este debate queda tamén reflectido no primeiro volume (Lingua nacional, idioma moderno) a través da intervención parlamentaria de Castelao a prol da cooficialidade do galego e a resposta a Unamuno de Ramón Otero Pedrayo. Finalmente, a Constitución republicana abriu a porta ao Estatuto de Autonomía e á oficialidade do galego, sentando o precedente no que se apoiaron a Constitución de 1978 e o Estatuto de Galicia de 1980.

O proceso de oficialización do galego protagoniza outro apartado con distintos textos sobre a xestación do proxecto Estatuto de Autonomía que, canda a reprodución das crónicas xornalísticas da asembleas autonomistas, inclúe artigos esquecidos como “A lingoa e mail-os mestres” (1931) de Alfredo Canalejo (1898-1974). O profesor irmandiño apelaba os mestres para que depuxeran a súa actitude contra o galego: “Todos témo-la seguranza de que ningún deles se vale do galego para o ensino aos rapaces... A ‘categorización’ do galego para os fins pedagóxicos e mais como materia de ensino créalles, no seu ver, unha nova dificultade, aínda que implique precisamente todo o contrario pra os nenos”.

As controversias sobre a norma e a “Tribúa da Fala”
O segundo volume, A demanda da norma, permite seguir as principais controversias arredor da orientación do galego culto. Como sinala Henrique Monteagudo, “aínda que se discutiron aspectos fónicos, morfosintácticos (sobre todo os morfolóxicos) e léxicos, o foco principal estivo sobre a ortografía. As grandes polémicas lingüísticas desenvolvéronse sobre o pano de fondo dunha gran penuria de estudos sobre a lingua e un enorme atraso no desenvolvemento dunha filoloxía galega, completamente desatendida pola Universidade. Así, a pesar da importancia que se deu ao idioma e da atención que atraeron os asuntos lingüísticos, escasearon as achegas dunha certa envergadura”. A contribución máis substancial é a de Antonio Couceiro Freijomil (1929), que sentou as bases para as Normas do Seminario de Estudos Galegos, as primeiras da nosa lingua.

Das polémicas que envolveron a decantación da norma lingüística dá boa conta a “Tribúa da Fala” d’El Pueblo Gallego, diario que publicou como coleccionable un Vocabulario popular galego-castelán elaborado no seo do Seminario de Estudos Galegos. O segundo volume de Ideas, propostas e debates sobre a lingua (1916-1936) ofrece os 46 artigos publicados na dita tribuna nos que discuten moitos aspectos da norma lingüística e se poñen de manifesto unha diversidade de posicións, desde o popularismo ao reintegracionismo.

En conxunto, os dous volumes dan idea da magnífica contribución do galeguismo de entreguerras á modernización do galego e permiten constatar ata que punto os problemas do idioma, incluíndo os prexuízos que o pexan, foron xa denunciados e debullados cen anos atrás, ao tempo que bota luz sobre a súa situación actual.