A exposición das Irmandades da Fala remata en Ferrol o seu percorrido polas principais localidades

Saúde e Terra, irmá(n)s! remata este mes en Ferrol o seu percorrido polas principais localidades galegas. A mostra do centenario das Irmandades da Fala, coorganizada pola Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego, pode verse ata o vindeiro 27 de decembro no Centro Cultural Torrente Ballester, onde onte foi inaugurada coa participación especial do Real Coro Toxos e Froles, agrupación nada en 1915 e moi vinculada a este movemento fundamental no proceso de dignificación da lingua galega.

Tras visitar desde o pasado xuño A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra, Ourense e Lugo, a exposición chega agora á Ferrol, cidade que se dotou da súa propia agrupación irmandiña o 15 de abril de 1917 e que tivo como primeiro conselleiro a Xaime Quintanilla, unha das personalidades da época presentes na mostra. Quintanilla, quen chegaría a ser o primeiro alcalde republicano da cidade, foi responsable da editorial Céltiga, creada en 1921 pola irmandade local e que editou, entre outros títulos, Alén, da súa propia autoría; ou Mal de moitos e Trato a cegas, obra asinada por outro fundador da agrupación ferrolá, Euxenio Charlón, e polo seu compañeiro teatral Manoel Sánchez Hermida, e levada á escena por Toxos e Froles. As edicións da época de ambas as dúas obras de teatro forman parte das 130 pezas que axudan a fiar o percorrido polo legado das Irmandades da Fala, entre as que tamén poden verse creacións de artistas de Ferrolterra como Imeldo Corral e Felipe Bello Piñeiro.


O Real Coro Toxos e Froles actuando na inauguración da exposición en Ferrol


O secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, destacou na inauguración da mostra que esta naceu coa vocación de achegar á sociedade o legado dun movemento esencial na nosa historia contemporánea. "Tratamos de poñer diante dun público o máis amplo posible, desde o escolar á cidadanía en xeral, dunha maneira gráfica, o que significaron as Irmandades no proceso de modernización da sociedade galega", declarou. O sociolingüística subliñou neste sentido o "papel que se lle outorga á lingua e á literatura como elemento de identidade" e o proxecto que desenvolven os irmáns para modernizar a nosa lingua e darlle presenza na esfera pública, espallándoa a todos os contextos e cultivando todos os xéneros literarios, alén do uso poético que se lle dera a partir do Rexurdimento.

Pero as Irmandades, como se aprecia tamén na exposición, engadiu Henrique Monteagudo, son un proxecto polifacético, mais un proxecto no que cultura e política son inseparables: "Son en principio un movemento sobre todo intelectual pero que axiña se marca uns obxectivos políticos e acaba decantándose polo lanzamento do nacionalismo galego contemporáneo", recordou. Froito desta concepción, reclamaron unha serie de dereitos políticos, entre eles a normalización da lingua, engadiu.

Ademais de coorganizar esta exposición, a RAG está a conmemorar o centenario das Irmandades da Fala con outras iniciativas. O pasado 18 de maio, da man do Concello da Coruña, celebrou un acto musical e literario no teatro Rosalía de Castro que contou coa participación do Toxos e Froles e outros tres coros históricos; desenvolve un ciclo de mesas de debate, que xa pasou por Ferrol e que remata este mes en Vigo e A Coruña; e editou catro antoloxías sobre o teatro, a prosa non ficcional e a oratoria, a narrativa e a poesía producida arredor deste movemento. A primeira delas, a cargo da profesora do campus de Ferrol Laura Tato, inclúe a obra teatral de Xaime Quintanilla Donosiña, que causou unha forte polémica no seu momento por retratar un adulterio feminino.


O secretario da Academia, Henrique Monteagudo, nun momento da súa intervención, xunto a Goretti Sanmartín e Álvaro Montes


A responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña tamén puxo en valor a figura de Xaime Quintanilla e doutros persoeiros vinculados ás Irmandades e a Ferrol, como os mencionados Charlón e Sánchez Hermida ou Ramón Villar Ponte, que dirixiu durante un tempo o xornal El Correo Gallego. Nesta localidade que os acolleu ponse o ramo a unha xira polas sete cidades dunha exposición que, engadiu Goretti Sanmartín, "conseguiu unir distintas administracións e asociacións para levar o legado das Irmandades ao conxunto da sociedade galega".

"A herdanza das Irmandades segue plenamente vixente. Seguimos necesitando beber das mesmas fontes que nos ofreceron estes protagonistas", concluíu a vicepresidenta provincial, que como Henrique Monteagudo fixo fincapé na importancia deste movemento para a lingua galega: "Supuxeron un punto de inflexión no referido á coherencia entre a defensa teórica do galego e a súa utilización práctica e conseguiron realizar unha potente planificación en diferentes ámbitos para dignificar e internacionalizar a cultura galega".

O papel de Ferrol na historia das Irmandades centrou o discurso do primeiro tenente alcalde de Ferrol, Álvaro Montes, quen chamou á recuperación da memoria de todas aquelas persoas que loitaron polos dereitos do pobo galego, destacando tamén o labor de Xaime Quintanilla como alcalde, "represaliado por defender os valores da república, do socialismo e do compromiso político das Irmandes". O concelleiro chamou igualmente á recuperación para a memoria colectiva da obra de Charlón e Hermida, que empregaron a comedia con carácter reivindicativo para denunciar o abandono da lingua e os abusos contra a xente labrega.

En nome do Concello de Ferrol, Álvaro Montes mostrou o seu agradecemento á RAG, á Deputación da Coruña e ao padroado do Museo do Pobo Galego por contar con Ferrol para unha exposición que recupera "o noso papel na historia" á vez que convidou a veciñanza a non perder ocasión de recuperar a memoria colectiva visitando a mostra.

Un percorrido expositivo artellado arredor de dez temas con candanseu espazo
Saúde e Terra, irmá(n)s! contou cunha comisión organizadora na que participaron Margarita Ledo Andión e Henrique Monteagudo en representación da Real Academia Galega, Justo Beramendi e Carlos García Martínez polo Museo do Pobo Galego e Carme Vidal e Uxío Breogán Diéguez pola Deputación da Coruña. O proxecto foi creado, deseñado e coordinado por Pepe Barro. O percorrido expositivo que concibiron relata a historia das Irmandades a través de dez temas que profundan na súa cerna. Cada un deles desenvólvese nunha cabina na que se poden ver publicacións, documentos, imaxes e obxectos, así como escoitar gravacións musicais e de discursos e artigos de persoeiros da época. Poderase contemplar ademais unha escolma de pezas vencelladas aos temas e motivos que moveron a acción das Irmandades dalgúns dos artistas máis relevantes daquel tempo.

A través destes dez espazos, o público pode achegarse á orixe do movemento e á súa evolución, desde a acción centrada en primeiro lugar na normalización do idioma ata a intervención política e os seus principais protagonistas (os irmáns Villar Ponte, Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco …); o novo rexurdimento literario, da man de autores como Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Ramón Otero Pedrayo e Rafael Dieste e de editoriais como Céltiga, con Xaime Quintanilla á fronte, Lar ou Nós; o intento de conformación dun teatro galego que superase o ruralismo, no que Quintanilla xogou tamén un papel destacado, e a aposta polos coros, como o devantido Toxos e Froles, como xeito de chegar ás masas; o compromiso cunha arte galega exemplificada na obra de Castelao, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño ou Francisco Asorey; o cultivo das ciencias sociais e experimentais ao servizo de Galicia, que callou arredor da creación do Seminario de Estudos Galegos, a creación das Escolas do Insiño Galego ou a importancia que lles concederon aos medios de comunicación as Irmandades.