Pola esquerda, o deseñador e coordinador da exposición, Pepe Barro; o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi; o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega; o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, na inauguración da mostra no Museo do Pobo Galego
A exposición foi inaugurada esta tarde polo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, a vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei; e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi González; e o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. O acto contou ademais coa participación musical de 2 na Fronteira, que interpretaron dúas pezas de Otero Pedrayo e Bouza Brey acompañados de Carme Gallego, que tocou o violín de Manuel Quiroga, peza esta última exposta na mostra.
O presidente da Real Academia Galega reivindicou unha vez máis a necesidade de que a celebración do centenario das Irmandades da Fala sirva para avanzar nos seus obxectivos aínda pendentes en materia de normalización lingüística. "Estou convencido de que Antón Villar Ponte hai cen anos propúxose levar a fala non só ás tribunas, senón tamén aos fogares da clase media. Hoxe, cen anos despois, existen algúns avances, sobre todo litúrxicos, e supoño que Villar Ponte, de vivir diría: A fala hai que falala", expresou Alonso Montero.
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, subliñou o punto de inflexión que supoñen as Irmandades da Fala na coherencia entre reivindicación do galego e o seu uso. Falou igualmente da vixencia do seu legado, pois conformaron a sociedade galega tanto cultural e socialmente como desde unha perspectiva política ao seren as iniciadoras do moderno nacionalismo galego. "As figuras de Ánxel Casal e María Miramontes, tan vinculadas a Santiago, simbolizan a vangarda de pensamento e práctica na defensa e no orgullo de posuírmos unha conciencia propia. Sería imposíbel pensar no sistema literario actual sen termos en conta o seu labor editorial e político", sinalou.
Pola súa banda, o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego e anfitrión, Justo Beramendi, incidiu tamén na importancia das Irmandades para o rexurdimento das letras, as artes e as ciencias galegas. "Moitos caracteres da nosa sociedade actual que conforman a personalidade singular de Galicia non se daban en 1916 e, se hoxe os temos, é polo labor, duro e a contracorrente, dos homes e mulleres das Irmandades primeiro e do Partido Galeguista despois". Por iso, sostén, é de xustiza mostrar nesta exposición "unha selección das accións, os logros e os protagonistas nas diferentes dimensións daquela empresa, aparentemente pequena no seu tempo, pero xigantesca polos seus froitos a longo prazo".
Na presentación tamén interviñeron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. O acto de apertura da mostra na capital galega congregou ademais outras autoridades e membros de diferentes entidades colaboradoras, xunto a numerosos veciños e veciñas da cidade que quixeron ver a exposición desde o primeiro día.
2 na Fronteira e Carme Gallego interpretando unha das pezas elixidas para a ocasión. O violín pertenceu a Manuel Quiroga e pode verse na exposición