Tribuna

A experiencia do idioma córnico

O idioma celta de Cornualles tivera un desenvolvemento normal e puido resistir a presión do inglés ata mediados do séc. XVI. Como consecuencia da ruptura do rei Henrique VIII co papa, que deu lugar ó nacemento da Igrexa Nacional de Inglaterra (o anglicanismo), impúxose pola forza a lectura da Biblia en inglés nas igrexas, en substitución do latín. En 1549, con Eduardo VI, imponse a Act of Uniformity ('Acta de Uniformización'), xunto co Book of Common Prayer ('Libro da Oración Común'), que supoñía o uso obrigatorio do inglés nos rezos e na liturxia da Igrexa Anglicana. Os córnicos chegaron a defender a súa lingua coas armas, pero serían derrotados e os ingleses iniciarían decontado a pacification of Cornwall, que lembra moito a "doma e castración" de Galicia polos Reis Católicos, anterior no tempo. Executáronse prisioneiros en masa e penduráronse da forca cregos e bispos rebeldes de Cornualles.

Ó contrario do galés, a outra lingua celta de Gran Bretaña, a Igrexa de Inglaterra non traduciría ó córnico nin o Libro da Oración Común nin a Biblia. A imposición do inglés acabaría triunfando en Cornualles pola brava, e o córnico foi caendo en picado en pouco máis dun século: contra o 1600 había uns vinte mil falantes, catorce mil en 1650 e tan só cinco mil en 1700. Mesmo se lle puxo unha data ó seu enterro: 1777, ano en que finou a súa última falante monolingüe coñecida, Dolly Pentreath, veciña da pequena mariñeira de Mousehole.

A placa de Zennor
O 25 de agosto de 2011 estabamos 50 excursionistas galegos de visita na igrexa da aldea de Zennor, na costa norte córnica, que no seu interior garda unha vella cadeira de madeira cunha serea esculpida (The Mermaid Chair, de 600 anos de antigüidade), da que se conta unha lenda moi semellante a dúas galegas: a da orixe da familia fidalga dos Mariño e a da furna da Buserana de Muxía.

Apegada a un dos muros exteriores desta igrexa, mirando ó cemiterio, hai unha sinxela placa de mármore escrita en inglés, que aproximadamente di o seguinte:

"Para honrar a memoria de JOHN DAVEY, de Boswednack desta freguesía (nado en St. Just en 1812, falecido en Bosdwednack en 1891), que foi a derradeira persoa que tivo un coñecemento notable da lingua córnica, e isto [grazas] a seu pai e instrutor JOHN DAVEY, de St. Just (nado en Boswednack en 1770, falecido en St. Just en 1844), matemático e mestre de escola moi coñecido; os dous xacen enterrados preto. Colocou esta lápida a Sociedade Cornualles Antigo de St. Ives. 1930." [Como remate, dúas liñas en córnico].

Repárese en que non se nos di que os Davey falasen córnico, senón que tan só tiñan certo coñecemento desta lingua. Cando a estabamos ollando, un veciño da aldea interesouse pola nosa visita, e, ó dicirlle que eramos galegos o seu interese aumentou, pois deu a casualidade de que se trataba do Sr. Nigel Hicks, membro dun activo movemento que, con moito esforzo, está tratando de "resucitar" (sic) o seu idioma propio a partir de documentos antigos e aproveitando as analoxías estruturais co galés e co bretón, os seus parentes máis próximos. Díxonos con orgullo que en Cornualles xa había unhas 300 persoas (a poboación total anda polos 500.000 habitantes) que podían manter unha conversa fluída neste ancestral idioma, quizais o máis antigo de Inglaterra, da que Cornualles forma parte (aínda que aspiran a ser a quinta nation do Reino Unido).

Placa da igrexa de Zennor (Cornualles). Autor: Xosé Mª Lema

Como se valora un ben cando xa se perdeu!
Os visitantes tivemos así o privilexio de escoitar unhas palabras en córnico dos beizos de Mr. Hicks, que ademais era membro do Comité Europeo para as linguas minorizadas. Nós correspondémoslle cuns versos de Rosalía. O señor Hicks envexaba a situación da nosa lingua, ben máis viva cá súa, desde logo, que no Euromosaic de 1996 ocupaba o derradeiro lugar dos 48 grupos lingüísticos da UE con só un punto dos 28 posibles (o galego ocupaba –polo menos nesa data de 1996- un aceptable 5º posto con 21 puntos). Por vergonza, non lle falamos das medidas desprotectoras e agresivas que no ano anterior o Goberno de Galicia acababa dispoñer contra o idioma propio da súa Comunidade. É de supoñer que non o daría entendido.

Como se valora un ben cando xa se perdeu! A placa de Zennor fíxonos valorar o tesouro lingüístico que aínda temos e pensar que á maior parte dos galegos –mesmo ós castelanfalantes- non lles gustaría que nun futuro, próximo ou remoto, se colocase unha placa semellante nalgún lugar de Galicia, certificadora da nosa incapacidade para manter viva a nosa lingua milenaria. Non só sería unha gran tristeza, senón que simbolizaría o noso fracaso colectivo. Antes de marchar, alguén comentou en voz alta que ás nosas autoridades autonómicas si que lles prestaría moito presidir esta inauguración, con gaiteiros e foguetes. Nos cincuenta viaxeiros había xente de todas as ideoloxías, galegofalantes (a maior parte) e castelánfalantes; pois ninguén, nin un só dos presentes, fixo oír a súa voz para defender as polémicas disposicións (daquela recentes) do Goberno galego para coa lingua propia. Hoxe aínda non se rectificou nin parece que se vaia facer. Poderase disfrazar de mil maneiras, pero no que todo o mundo está de acordo é que por este camiño tan retorto iniciado pola Xunta nunca se dará chegado ás mil primaveras cunqueiranas. Nin ás cen tan sequera.

Xosé Mª Lema
Membro correspondente da Academia