A executiva reúnese coa portavoz do Grupo Parlamentario do BNG

A comisión executiva da Real Academia Galega mantivo esta mañá unha entrevista de presentación coa portavoz do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego. O presidente da Academia, Henrique Monteagudo, e o seu equipo expuxéronlle a Ana Pontón os principais proxectos que a institución prevé presentar e poñer en marcha proximamente, nunha xuntanza na que tamén se profundou nas perspectivas de cara á consecución dun pacto pola lingua.

Fonte: Grupo Parlamentario do BNG

Henrique Monteagudo acudiu á reunión acompañado polos demais membros da comisión executiva da RAG, a secretaria, Ana Boullón; a tesoureira, María López Sández; a arquiveira bibliotecaria, María Dolores Sánchez Palomino; e o vicesecretario, Lourenzo Fernández Prieto. Por parte do BNG acompañaron a Ana Pontón as deputadas Mercedes Queixas Zas e Iria Taibo.

A nova executiva da RAG, á fronte da institución dende o pasado mes de abril, continuou con Ana Pontón a rolda de encontros institucionais iniciada o pasado luns coa entrevista mantida en San Caetano co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. O diálogo de cara á consecución dun pacto pola lingua e a proxección do galego tamén nas institucións do Estado e de Europa foron de novo dous dos temas centrais da conversa.

A executiva presentoulle ao Grupo do Bloque a proposta de creación dunha fundación pro-Academia que aglutine apoios de distintos axentes sociais para a promoción das actividades da institución e ambas as partes coincidiron na necesidade de que se mellore en calquera caso a dotación orzamentaria que a RAG recibe tanto por parte do Goberno galego coma do estatal.

Canto aos proxectos máis inmediatos nos que está a traballar a Academia en relación coa lingua, Henrique Monteagudo lembrou que xa está rematada a revisión do Nomenclátor de Galicia, que a RAG lle entregará en breve ao Goberno autonómico; e que na primeira metade do novo mandato se prevé presentar o Dicionario castelán-galego, a Gramática da lingua galega  ou o Dicionario de apelidos.