A evolución do Día das Letras Galegas

O 17 de maio era un símbolo, así o explica Fernández del Riego e así o interpreta a totalidade da Academia cando decide constituír esa data como Día das Letras Galegas. En 1963, o primeiro ano da celebración, os actos dedícanse ao centenario da publicación de Cantares Gallegos e ao recoñecemento da súa autora, a poeta excelsa Rosalía de Castro. Porén, a efeméride que viña de constituírse era única, non existía unha festividade cultural de características semellantes no mundo das letras peninsulares ou europeas. Esta orixinalidade, xunto co éxito acadado na primeira edición, ilusionaba a Academia ao tempo que a deixaba sen referencias polas que se guiar. Esta sensación deixa entrever unha carta de Fermín Bouza-Brey enviada ao presidente da Academia, Sebastián Martínez-Risco o 14 de abril de 1964, e que se pode descargar aquí.

Na súa resposta, o 22 do mesmo mes, Martínez-Risco confirma a boa acollida da proposta na Xunta de Goberno: o 17 de maio de 1964 dedicaríase a Castelao e prevíase a publicación do seu discurso de entrada na Academia, As cruces de pedra na Galiza, para o mesmo 17 de maio. Comeza, xa que logo, o envío de avisos e notas de prensa instando a outras institucións e entidades a que dediquen as súas homenaxes a Castelao.

Pasados nove meses, na Xunta Ordinaria do 21 de febreiro de 1965, García-Sabell propón a figura de Eduardo Pondal como homenaxeado no Día das Letras Galegas que se achegaba. Apróbase e faise pública a decisión mediante unha nota de prensa a La Voz de Galicia o 27 de febreiro de 1965. Na Xunta de Goberno celebrada ese mesmo día, pode lerse:

Fragmento acta do 27 febreiro 1965
Fragmento da acta da Xunta de Goberno do 27 de febreiro de 1965


Na acta do 27 de marzo do mesmo 1965, pode lerse o extracto titulado "Cambio de impresiones respecto del próximo Día das Letras Galegas y esbozo del programa" no que se concretan as actividades a realizar.

Fragmento da acta do 27 de marzo de 1965
Fragmento da acta do 27 de marzo de 1965


Case un ano despois, na acta da Xunta de Goberno de 29 de xaneiro de 1966, déixase constancia da lectura da misiva que o secretario do concello de Outes dirixira a Juan Naya, bibliotecario da institución, propoñendo a posibilidade de a Academia editar un volume, que sería subvencionado polo propio Concello, compilando a poesía completa de Francisco Añón. Esta suxestión sería o preludio da proposta do poeta outiense como homenaxeado no Día das Letras Galegas. Así o demostra a acta da Xunta de Goberno do 5 de febreiro, pois nela dáse conta da visita de representantes do concello de Outes solicitando o Día das Letras Galegas de 1966 para Francisco Añón:

Extracto da acta do 5 de febreiro de 1966
Extracto da acta da Xunta de Goberno do 5 de febreiro de 1966


Na Xunta Ordinaria do 27 de febreiro de 1966 confírmase a elección de Añón como homenaxeado e anúnciase a edición dun libro en galego editado polo concello de Outes baixo a orientación da Academia:

Fragmento da acta do 27 de febreiro de 1966
Fragmento da acta da Xunta Ordinaria do 27 de febreiro de 1966


De novo é Fermín Bouza-Brey quen, na Xunta Ordinaria do 22 de maio de 1966, volve introducir o debate sobre a necesidade de organizar con tempo o Día das Letras Galegas e propuxo ao trobador Johán Requeixo para ser homenaxeado no ano 1967. A asemblea decidiu instar á Xunta de Goberno a que elaborase unha relación de escritores susceptibles entre os que escoller a figura homenaxeada:

Fragmento da acta do 22 de maio de 1966

Fragmento da carta de posibles homenaxeados elaborada por Bouza Brey
Fragmento da carta coa listaxe de posibles
figuras a homenaxear.
[Ao clicar descárgase PDF completo]

Deste xeito, nos anos vindeiros, A Academia escolleu a figura homenaxeada para o Día das Letras Galegas entre unha listaxe de nomes que representan a lingua e a cultura galegas no seu percorrido vital e na súa obra. A propia dinámica das eleccións ano tras ano foi perfilando a natureza e o contido dos actos, aínda que a primeira normativa oficial é o que prescribe o regulamento da Real Academia Galega aprobado no ano 2000, no que se establece:

"Na primeira reunión despois do Día das Letras Galegas, o Plenario da RAG escollerá o persoeiro a quen se lle dedicará esa conmemoración no ano vindeiro. A figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe. En calquera caso deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día. As propostas, razoadas e asinadas por un minimo de tres académicos, deberán incluírse na convocatoria do Pleno correspondente."