Un momento da charla de Vicente Feijoo na Escola Oficial de Idiomas de Madrid-Jesús Maestro
A campaña Toponimízate continuará a vindeira semana, o venres 16 de novembro, en Moaña. A cita será no salón de plenos do concello pontevedrés a partir das 20:00 horas. As seguintes charlas programadas terán lugar o 21 de novembro en Miño, ás 16:30 horas no Centro Social da Rúa; o 23 de novembro en Parada de Sil, ás 17:30 horas no salón de plenos municipal; o 27 de novembro no CPI Virxe do Monte de Cospeito, ás 13:00 horas; e o 30 de novembro en Cariño, ás 19:00 horas no local social do concello.
Nesta segunda edición, Toponimízate chegará a un total de 15 concellos galegos. En cada un deles, Vicente Feijoo, ademais de tratar a orixe e o significado dos nomes de cada municipio e das súas parroquias e aldeas, presenta a aplicación colaborativa na que se está a traballar para a preservación e difusión da microtoponimia a través da xeolocalización, e explica como se pode consultar a microtoponimia xa xeorreferenciada no "Buscador de topónimos". As utilidades desta ferramenta abranguen desde as actuacións sobre o territorio dos técnicos municipais (PXOM, catastro...) ata a promoción turística de elementos de interese cultural e rutas de sendeirismo.
A RAG coordina, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, esta iniciativa, que se enmarca dentro dos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad que coordina a Xunta de Galicia.