Estudo de Onomástica Galega VII. A onomástica literaria sae do prelo co apoio da Deputación de Pontevedra, que colabora coa Academia dende o ano 2016 na organización destas xornadas e acolle os encontros no Museo de Pontevedra. O eixo temático do último encontro profundou nunha especialidade da onomástica que, malia á importante pegada que deixa nas letras galegas, foi ata o momento pouco estudada tanto no ámbito galego como no ibérico en xeral. «[A onomástica] nomea as persoas, con alcumes, con nomes, ás veces inventados, sempre significativos. Na poesía, os innumerables nomes nosos serven non só para a descrición da beleza, senón tamén como sinal de resistencia ou de denuncia», expresan no limiar as coordinadoras da xornada e da publicación, a académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez.
Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía, detense na súa contribución no propio nome da autora e pescuda as escollas dos elixidos para os personaxes rosalianos. Alén da súa significación poética, estas eleccións están influídas polas lecturas de autores como Victor Hugo, Jules Verne ou Edgar Allan Poe e mais polas circunstancias biográficas da autora, indica o investigador. «O poema titulado “Margarita” de En las orillas del Sar ten ese nome porque alude aos conflitos da personaxe homónima do Fausto de Goethe, as protagonistas femininas de El primer loco, Esmeralda e Berenice, como indicou Fernando Cabo, levan os nomes de dúas personaxes de Victor Hugo e Edgar Allan Poe, respectivamente. E parece lóxico pensar que se “Las literatas”, ese texto que denuncia a desigualdade e os prexuízos que padece a muller que se quere dedicar á literatura, leva o subtítulo de “Carta a Eduarda”, é porque ese era o nome dunha moza moi próxima a Rosalía de Castro», exemplifica.
A ecopoesía, as lendas de Troia e nomes propios medievais
María Xesús Nogueira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, fala noutro artigo sobre os nomes feridos dende a perspectiva da ecopoesía, un subxénero recoñecido nos últimos tempos que pon o acento no ecolóxico. «A literatura galega conta cunha nutrida e crecente tradición de textos xurdidos no contexto de mobilizacións contra agresións ao medio e catástrofes ecolóxicas ocasionadas polo ser humano en nome da industria e do progreso», explica a filóloga, que analiza composicións sobre a construción do encoro de Castrelo de Miño, a mina de ouro de Corcoesto ou o afundimento do Prestige.
Helena de Carlos, profesora da mesma institución, mostra como se quixo vincular con Galicia personaxes mitolóxicos errantes que partiron de Troia, como Teucro, considerado fundador da estirpe dos Gallaeci, ou o presunto parentesco de Lisboa (Ulissipo) con Ulises e de Achelas (mosteiro lisboeta) con Aquiles. As lendas da historia de Troia tamén deixaron pegada na escolla dos nomes propios dende a Idade Media, pero sobre todo no s. XVI, cando se estendeu máis entre os fidalgos galegos o costume de lles poñer aos fillos e fillas nomes de personaxes literarios, inspirándose tamén nas lendas do ciclo de Bretaña, de onde saen nomes como Brianda, Briolanxa, Grimanesa, Guiomar ou Iseu, explica pola súa banda o académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo Antón Palacio.
Bieito Arias Freixedo céntrase tamén na literatura da Idade Media estudando a onomástica nos paratextos e a funcionalidade dos alcumes, entre outras cuestións, e Marga do Val, do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, expón propostas didácticas baseadas na onomástica propia do alumnado.