Maruxa Fernández intervén durante o acto de entrega da biblioteca de arte de Luís Seoane á Real Academia Galega. Á súa dereita, Marino Dónega, e á súa esquerda, Domingo García-Sabell e Francisco Vales Villamarín. Autor: Xosé Castro
Os cerca de 2.500 libros que Luís Seoane legou á biblioteca da Real Academia Galega permaneceron máis de oito meses a bordo do buque mercante La Pampa, baixo o coidado de Ariel Canzani, poeta arxentino amigo do artista. Nunha primeira viaxe rumbo á costa peninsular, emprendida en decembro de 1979, os volumes non chegaron a desembarcar ao se suspender a escala prevista en Xixón. Máis sorte houbo ao segundo intento, nunha longa travesía que arrincou en abril de 1980. Tras unha morea de escalas en distintos portos europeos, o buque cargado de trigo e libros chegou a Bilbao o 14 de xullo. Había folga de estibadores. Canzani falou cos piquetes e cando souberon cal era a mercadoría accederon a descargala, relataba o poeta ao xornalista Xosé Palmeiro en La Voz de Galicia en agosto de 1980.
A viúva de Seoane, Maruxa Fernández, fixo entrega oficialmente da biblioteca de arte do seu home á Real Academia Galega o 30 de xullo dese ano. E alí estaban Ariel Canzani e a súa dona, "a causa dunha pura casualidade, quizais avaría na hélice do buque", lembra a crónica da época. Como doadora, Maruxa Fernández recibiu ese mesmo día a medalla de membro de honra da institución que a RAG tiña previsto concederlle a Luís Seoane cando este decidiu cederlle o fondo.
A biblioteca de arte de Luís Seoane foi medrando ao longo de catro décadas. Moitos dos exemplares que a conforman, o 98% primeiras edicións, foron mercados nas viaxes que o seu propietario fixo. As obras deixan constancia do especial interese de Seoane pola pintura do século XX e, sobre todo, Picasso: 276 volumes do fondo están relacionados co pintor malagueño. Os libros dedicados a Klee, Miró, Matisse ou Grosz teñen tamén unha notable presenza nesta colección, que tamén dá conta do interese de Seoane polo deseño industrial e a artesanía.
Ademais da súa biblioteca de arte, a Real Academia Galega custodia algunhas obras artísticas de Luís Seone, como o óleo sobre lenzo Sol negro e campesiñas (1973), doado tamén pola súa dona, e un retrato de Antón Villar Ponte, doazón de Marino Dónega. A RAG homenaxeou a Seoane no ano 1994 dedicándolle o Día das Letras Galegas.