A mediados do século XIX, no principiar do Rexurdimento da nosa literatura, o galego era un idioma que practicamente aínda estaba sen sistematizar a nivel ortográfico, léxico e gramatical. Outras linguas europeas fóranse dotando, desde o século XVI en diante, de Dicionarios e de Gramáticas, e nalgúns países incluso se fundaran Academias que tiñan por finalidade establecer o léxico e fixar as normas ortográficas e gramaticais dos seus idiomas particulares: por exemplo a Accademia della Crusca para o italiano florentino (1583); a Académie Française (1635); ou a Real Academia Española (1713). Porén, a nosa lingua, ao estar desprovista de recoñecemento oficial e por verse limitada case exclusivamente a usos orais, non logrou experimentar esa temperá sistematización. Os pioneiros estudos lingüísticos de Martín Sarmiento e de Juan Sobreira Salgado durante o século XVIII, que se cinguiron ao eido lexicográfico e etimolóxico, foron pouco coñecidos e non tiveron unha continuidade inmediata, por máis que na centuria seguinte Sarmiento fose unha figura importante para os protagonistas do Rexurdimento.
A pesar de que a publicación dos primeiros traballos lexicográficos e gramaticais -o dicionario de Francisco J. Rodríguez (1863), as gramáticas de Francisco Mirás (1864) e de Juan Antonio Saco Arce (1868)- datan da década de 1860, e xa que logo coinciden coa primeira andaina do Rexurdimento, o galego literario de entón estaba lonxe de ser unha lingua homoxénea. A causa disto erguéronse algunhas voces que comezaron a expresar abertamente en público, con frecuencia a través da prensa, a necesidade de "perfeccionar" a lingua. Para acadalo recomendábanse como medidas máis urxentes a fixación dunhas normas ortográficas uniformes e a erradicación de palabras erróneas ou innecesarias, principalmente castelanismos e vulgarismos. Non é este o lugar para tratarmos polo miúdo dos debates e polémicas referidos ao modelo de lingua literaria desexado polos escritores do XIX. Quen tiver interese en seguir os pormenores pode debruzarse sobre as páxinas do libro de Carme Hermida Os precursores da normalización (Xerais, 1992), da Historia da lingua galega de Ramón Mariño Paz (Sotelo Blanco, 1998) ou do máis recente ensaio de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Xosé Manuel Sánchez Rei e Goretti Sanmartín Rei, A lingua literaria galega no século XIX (Universidade da Coruña, 2005). Interesa aquí, en troques, deixar constancia de cales foron as propostas que daquela se avanzaron para tentar superar esa situación.
Propuxeron algúns que a regulamentación da lingua se lle encomendase a unha comisión creada polas catro deputacións provinciais. Outros preferiron que das reformas se encargase a Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela, ou ben unha comisión de escritores creada á mantenta con esa finalidade. Pero a proposta que contou con máis valedores foi a da fundación dunha institución permanente -unha Academia- que levase a cabo a tarefa de fixar o léxico e as normas ortográficas e gramaticais do galego, a semellanza do que a Real Academia Española facía co castelán. Precisamente o exemplo da institución española estaba moi presente no primeiro comentario que coñecemos en que se expresa a necesidade de crear unha Academia galega: unha breve referencia en verso incluída nas Dez cartas ós gallegos (1875) de Valentín Lamas Carvajal. A suxestión feita polo escritor e xornalista ourensán recolleuna e ampliouna Aurelio Elías Martínez cando, no ano 1879, publicou en El Heraldo gallego -revista dirixida, precisamente, por Lamas Carvajal- un amplo artigo titulado "Academia Gallega" no cal argumentou a conveniencia de contar con esa institución e onde asemade fixo algunhas propostas acerca do traballo que debería desenvolver. Pódese acceder a este artigo aquí.
Durante as dúas últimas décadas da centuria a prensa acolleu nas súas páxinas novos chamamentos reclamando a creación dunha Academia, así como diversas suxestións para o seu funcionamento. En xeral houbo plena coincidencia á hora de lle asignar á futura Academia o labor de coidar da pureza do idioma galego e de dar uniformidade á lingua, obxectivos que se debían lograr primeiramente mediante a confección dun Dicionario e dunha Gramática, as dúas tarefas máis urxentes. Outras propostas encomendábanlle á institución a organización de certames literarios; a redacción dunha revista escrita en galego sobre temas lingüísticos; a publicación dos textos "clásicos" da nosa literatura; ou a masiva edición de obras de poesía, refráns e cántigas a prezos moi económicos para facelas accesibles a un público o máis amplo posible. Porén, algunhas persoas opinaron que a Academia non tiña de se cinguir exclusivamente a asuntos lingüísticos, senón que tamén debía ocuparse doutros aspectos da realidade galega (historia, arte, dereito, ciencias naturais, etc.). Verbo do funcionamento da institución, os asuntos que se trataron atinxiron sobre todo á cuestión dos seus futuros compoñentes (escritores, xornalistas, profesores de lingua e literatura, eruditos...) e ao problema do financiamento (subvencións das deputacións galegas, subscrición popular).
Pero non todo foron palabras. Antes de rematar o século houbo varios intentos de levar á práctica esas propostas para fundar a desexada Academia, aínda que ningún deles tivo éxito. O máis coñecido aconteceu en 1895, após a desaparición da sociedade El Folklore Gallego, creada dez anos antes na Coruña. Mais tamén hai noticias doutras tentativas anteriores das cales descoñecemos os detalles. Finalmente, logo de moitos traballos preparatorios, a Academia galega constituíuse na cidade da Coruña o 4 de setembro de 1905, inaugurándose de xeito oficial o día 30 de setembro do ano seguinte baixo a presidencia de Manuel Murguía. O resto xa é historia...